Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

O Pescados Rubén Burela FS gaña ao SL Benfica o que fai que se achegue á final

Por 20 Decembro, 2023Sin comentarios

Rematou o segundo partido do Pescados Rubén Burela FS na FutsalWEC Friendly Edition e que enfrontou ás burelás contra o SL Benfica.

Na primeira parte vivimos 20 minutos con moito ritmo por parte de ambos os equipos, estando no minuto 5 o Benfica xa con 4 faltas e o Burela con 1. No minuto 7 o primeiro paradón de Caridad tras unha caída e perda de balón de Emilly case na liña da área do seu campo e segundos despois chega o primeiro gol, do Benfica, cun zurdazo de Raquel Santos á escuadra tras un saque de esquina. Pouco despois Emilly xera unha dobre oportunidade que saca a porteira portuguesa. Chega o empate no minuto 9 cun remate de Emilly tras un centro de Irene Samper desde a liña de fondo. Gran partido das dúas porteiras, Ana Catarina e Caridad, no minuto 11 Noelia case adianta o marcador cun disparo frontal que saca a porteira rival por encima do traveseiro. O encontro mantense 1-1 e con moita presión por parte dos dous conxuntos ata o descanso.

No segundo tempo continúa a tensión e vivimos 20 minutos de máxima intensidade. No minuto 22 dispara Dany a porta e desvía o balón Ana Catarina por encima do traveseiro a córner. No minuto 25 Emilly fusila tras apoiarse en Patricia conseguindo adiantar o marcador do seu equipo, 2-1. E no minuto 34 Irene Samper remata o partido tras un roubo a presión de Emilly e pase de Patricia. Nos últimos minutos de partido vivimos grandes momentos de tensión, a nosa capitá Dany é asistida e levada ao hospital en ambulancia tras un golpe na cabeza, alegrámonos de que estea ben e esperamos que se recupere canto antes. Pouco despois chega a expulsión de Alex Pinto e Fifó por dobre amarela, no minuto 37. No mesmo momento comeza a presionar o Benfica con xogo de cinco, con Maria como porteira xogadora, pero non logra bater a defensa do mellor equipo do mundo, as nosas Campioas de Todo.

Mañá máis e mellor en Vista Alegre, no último cruzamento do campionato, no que o Pescados Rubén Burela FS se enfrontará ao italiano Bitonto C5 Femminile nun encontro que promete moito nivel e competitividade.

Competición:

  • 21 de decembro ás 18:00 horas – FC Marlène VS SL Benfica
  • 21 de decembro ás 20:30 horas – Pescados Rubén Burela FS VS Bitonto C5 Femminile
  • 22 de decembro ás 20:30 horas – Gran Final