Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

O PP presentará unha moción de urxencia en defensa dos empregos de Alcoa

Por 26 Decembro, 2023Sin comentarios

O PP presentará unha moción de urxencia en defensa dos empregos de Alcoa ao non ter resposta de Tomé aos tres intentos de consensuar unha declaración institucional.

“Ante a falta de resposta de Tomé á solicitude para convocar a reunión da xunta de portavoces para consensuar entre os grupos da Deputación de Lugo unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa e para que a empresa cumpra co acordo asinado que incluía importantes investimentos co obxectivo de garantir o mantemento da actividade na planta da Mariña”, os deputados do Grupo Provincial Popular avanzan que “presentaremos unha moción de urxencia no pleno deste martes da institución provincial” nese mesmo sentido.

O portavoz, Antonio Ameijide, considera “unha pena” que ante un tema coma este no que “debemos ir da man e defender o mesmo obxectivo, o presidente da Deputación de Lugo non teña manifestado máis interese cando o que pedimos dende o Grupo Popular é unha reunión entre os portavoces dos tres grupos con representación na Deputación”. De feito, subliña que “ata a entrada do pleno de mañá estamos abertos a sentarnos con PSOE e BNG para acordar unha declaración en defensa dos empregos desta factoría”.

Os deputados do PP solicitaran por teléfono e por e-mail esa reunión o pasado 13 de decembro despois de manter unha xuntanza cos representantes dos traballadores na que puxeron de manifesto que o que consideraban máis axeitado era que a Deputación de Lugo aprobase unha declaración institucional. Ao non ter resposta, “reiteramos a solicitude a pasada semana por rexistro da Deputación de Lugo”.

A perda do permiso de acceso e conexión, tal e como comunicou Red Eléctrica, de cinco parques eólicos que dependen do Estado vencellados á produción de enerxía para abastecer a factoría mariñá a través da sinatura de contratos de subministro eléctrico a longo prazo (PPAs), súmase ao anuncio da multinacional sobre o aprazamento dos investimentos para o forno de cocción de ánodos.

Á vista destas últimas noticias a escasos días do prazo para o inicio da reactivación das cubas previsto para xaneiro do 2024, segundo o acordo asinado,  e tendo en conta a importancia da actividade desta factoría para a economía da comarca e, por extensión, da provincia; os populares consideran urxente trasladar unha postura unánime dende a Deputación de Lugo en sinal de apoio aos traballadores e o mantemento da produción de aluminio primario na comarca.