Skip to main content
CervoComarca AMARIÑAXA

Besteiro desbloquea a tramitación dos parques eólicos que garantirán que Alcoa poida contar cun subministro de enerxía limpa

Por 27 Decembro, 2023Sin comentarios

Tras varios días traballando co Ministerio de Transición Ecolóxica na busca dunha solución que garanta a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña, o candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse coa ministra Teresa Ribera. A reunión tiña por obxecto desbloquear a tramitación dos parques eólicos da zona que garantirán que Alcoa San Cibrao poda contar en 2024 cun subministro de enerxía limpa a prezo competitivo que permita continuar coa actividade da factoría, que emprega de maneira directa a máis de 1.100 persoas.

Ao remate da reunión, Besteiro anunciou que o Goberno publicará hoxe, mércores 27, no BOE unha modificación do Real Decreto que regula os dereitos de acceso e conexión á rede das instalacións renovables, o que permitirá autorizar e poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 os catro parques eólicos que estaban pendentes para dar servizo á planta de Alcoa en San Cibrao.

“A modificación permitirá dar prioridade aos parques eólicos que teñan declaración de impacto ambiental favorable, aínda que estean fóra do prazo límite previsto. É unha excelente nova para Galicia, xa que que vai garantir a continuidade da planta de Alcoa na Mariña”, afirmou o candidato socialista, quen agradeceu o compromiso do Goberno de España para sacar adiante estes proxectos, mentres que censurou que o goberno de Rueda “non fixera os deberes con tempo” e “non se preocupara de desbloquear esta situación”.

Besteiro considerou que “a desidia e abandono do goberno de Rueda puxo en risco a viabilidade da planta de Alcoa na Mariña” ao entregar os informes sectoriais ao Goberno o día 14 de novembro, último día do prazo límite para emitir as declaracións de impacto ambiental, o que motivou que estas non puideran emitirse en tempo e forma, poñendo en risco a continuidade da factoría.

Está previsto que un total de nove parques eólicos subministren a Alcoa-San Cibrao a enerxía necesaria para producir alúmina e aluminio a un prezo competitivo. Deles cinco xa foron autorizados polo Ministerio de Transición Ecolóxica. No caso doutros catro, o Goberno de España agardou ata o último día do prazo, fixado o 14 de novembro, día no que a Xunta de Galicia remitiu a Madrid os seus informes sectorais, polo que non foi posible completar a tramitación administrativa en prazo.

Con esta modificación lexislativa, o Goberno demostra o seu compromiso co emprego e con Alcoa e permite que os parques eólicos podan continuar a súa tramitación, garantindo o subministro enerxético á planta, pese ao retraso da Xunta de Galicia na tramitación da parte do expediente que lle corresponde.