Skip to main content
Mondoñedo

Mondoñedo: Ponte do Pasatempo

Por 25 Decembro, 2023Decembro 26th, 2023Sin comentarios

Conta a lenda que nela, os cóengos da Catedral entretiveron á muller de Pardo de Cela para que non entregara o indulto.

Esta ponte de orixe medieval dun só arco sobre o río Valiñadares, está situada no barrio dos Muíños, e está construída sobre un Camiño Real e é unha das vías de tránsito cara á cidade desde antigo. De orixe medieval, esta ponte ten un só arco de medio punto de 7 metros de luz e a calzada alombada.

Está construída con cachotería de lousa e rematada con perpiaño de granito. Comunica as dúas beiras do río Valiñadares, e o seu estado actual é froito dunha restauración de finais do século XVIII.

Ademais é a protagonista do episodio máis famoso da historia antiga de Mondoñedo: a decapitación do Mariscal Pardo de Cela na Praza da Catedral.

LENDA.

A figura do mariscal é unha das máis míticas da Historia de Galicia, símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á castelá. Foi acusado de traizón y apresado no seu castelo de A Frouxeira, traizoado polos seus criados. A súa muller Isabel de Castro obtivo para el o indulto real de Isabel A Católica. Mais os Cóengos da Catedral detivérona e a entretiveron na ponte o tempo preciso para que o indulto non chegase a tempo ao seu destino; Pardo de Cela foi executado na Praza da Catedral no 1483. Dende aquela, esta ponte é coñecida como Ponte do Pasatempo.

A dura loita durante tres anos na fortaleza de A Frouxeira, a traizón dos seus criados e a súa morte no cadafalso, convérteno axiña en mito, e empeza a ser trobado nas feiras e mercados, formando parte da tradición oral posterior. Tamén se recolle a súa figura en varios textos – estudados por autores como Álvarez Blázquez ou máis recentemente Antonio Meilán – como o Romance de Pardo de Cela, o Cantar do Mariscal ou as diferentes versións da Relación da Carta Executoria.

Actualmente, a ponte do Pasatempo é un lugar moi visitado de Mondoñedo, e sobre a lenda arredor da morte do Mariscal teñen corrido ríos de tinta en forma de poemas, cancións, novelas, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas destinados a esclarecer que parte podería ter de verdade.

MARISCAL.

A súa figura foi moitas veces foi usada como símbolo de resistencia da nobreza galega fronte á castelá, visión que a historiografía deu como simplificada por demais. Da mesma forma, tamén o é a intención de facer do mariscal un criminal sen escrúpulos. Pardo de Cela era unha personaxe normal na súa contorna. A nobreza galega da época dubidaba entre a unión con Portugal ou con Castela e intentaba extorsionar aos servos de tal forma que deu lugar ás revoltas irmandiñas.