Skip to main content
Viveiro

Viveiro participará na misión do Fondo Galego de Cooperación aos campamentos saharauis

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro estará representado na misión do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aos campamentos saharauis que partirá de Vigo o vindeiro día 5. Como vogal da entidade, a concelleira de Benestar Social, Cultura e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, participará na viaxe, organizada tamén polas delegacións da República Árabe Saharaui Democrática en España e en Galicia.

A edil asegurou que é “unha honra” formar parte nun organismo como o Fondo e lembrou que o Concello de Viveiro participa nel dende hai máis dunha década. “Sempre apoiamos iniciativas de solidariedade cos pobos e coas persoas en situación de desprotección porque é moi importante tecer redes de solidariedade e achegar un gran de area a proxectos en lugares onde o necesitan”, explicou antes de avanzar que os integrantes da misión teñen programadas visitas aos puntos onde se desenvolven eses programas e reunións con autoridades locales.

Destacou tamén a importancia de coñecer de primeira man “a realidade do pobo saharaui e tratar de vir cun programa de traballo para desenvolver dende os municipios”. “Aínda que as entidades locais non poidamos facer tanto como quixeramos, ás veces un gran de area contribúe a crear unha montaña de solidariedade”, afirmou. Por ese motivo, confía en que a visita aos campamentos sirva “para abrir novos camiños de cooperación e seguier traballando para que o mundo sexe mellor”.

Lara Fernández quixo aproveitar tamén para trasladarlles públicamente o seu agradecemento ás persoas que estes días se puxeron en contacto co Concello ofrecéndose a donar produtos de primeira necesidade con destino ao pobo saharaui. Forma parte, dixo, da vocación solidaria de familias coma as que durante os veráns fan posible que nenas e nenos pasen o verán en Viveiro e coñezan outras realidades a través do programa Vacacións Pola Paz, co que o Concello colabora dende hai anos.

Durante os catro días que a misión pasará nos campamentos, os seus integrantes teñen programados encontros co primeiro ministro saharaui, a gobernadora da wilaya de Bojador, o ministro de Saúde Pública e a ministra de Cooperación. Entre os lugares que visitarán atópanse a pranta de reciclaxe de Rabuni, o Hospital Nacional e as escolas da wilaya de Bojador. Tamén se encontrarán con membros da asociación Afapredesa, coas responsables do proxecto Nadafa, apoiado polo Fondo Galego, e integrantes da Unión de Mulleres Saharauis.

A entidade promotora da misión, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais que ten como obxectivo contribuír á erradicación das desigualdades a través de proxectos de promoción do desenvolvemento en países empobrecidos, ademais de fomentar a sensibilidación social en Galicia acerca deste problema.