Skip to main content
Comarca LUGOXA

Aprobado o plan de acción da Deputación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses

Por 19 Decembro, 2023Sin comentarios

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presidiu este luns os órganos reitores das Reservas da Biosfera Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola institución provincial e que está integrada por tres concellos: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. O encontro, que acolleu o Edificio Multiusos de Cervantes, serviu para facer balance das correspondentes actividades realizadas neste ano 2023 e abordar os proxectos de cara o futuro que se van impulsar neste espazo protexido pola Unesco.

Na reunión, Pablo Rivera informou ao órgano participativo da proposta inicial do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, que foi aprobado posteriormente polo órgano reitor. Este Plan determinará as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos, e contará cun orzamento de fondos propios da Deputación dun total de 1,3M€ para o período de vixencia.

Durante o encontro, o investigador do Ibader e redactor do Plan, Javier Ferreiro, explicou as liñas estratéxicas do documento que contempla a estratexia para o desenvolvemento sostible da Reserva, sendo o instrumento básico para a xestión e planificación deste espazo, e a súa finalidade é o establecemento das liñas xerais e estratexias prioritarias de actuación para o cumprimento dos obxectivos da Reserva.

O procedemento de participación pública do Plan abrirá o prazo o vindeiro 22 de decembro trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Os interesados terán de prazo dous meses para revisar o documento ao que poderán acceder na páxina web da institución provincial. Durante o primeiro trimestre do 2024 convocaranse mesas sectoriais, centradas na conservación do medio ambiente e no desenvolvemento socioeconómico da Reserva, ás que poderán asistir os membros do Órgano de Participación, así como outras entidades territoriais representativas.

O Órgano Participativo tamén aproveitou a sesión para instar á Xunta a que active o Plan de Conservación e Recuperación de especies.

Preto de 40 accións realizadas

Nas reunións celebradas ao longo da xornada de hoxe tamén se aprobou a memoria e se abordaron as actividades realizadas ao longo do 2023, que foron preto de 40. O deputado Pablo Rivera destacou accións científicas levadas a cabo no territorio coa implicación da Universidade de Santiago de Compostela, a través por exemplo do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural de Lugo (Ibader); ou a publicación da décima edición da Revista Micolucus. Tamén salientou o programa trimestral de 22 actividades de educación e divulgación ambiental desenvoltas nos tres concellos que integran a Reserva, e que contaron coa colaboración de Anpas e colexios.

Como novidade este ano, a memoria de actividades 2023 estará dispoñible, xunto coas de anualidades anteriores, na páxina web da Reserva: www.osancareslucenses.deputacionlugo.org.

Nova programación de actividades 2024

Por outra banda, na reunión tamén se aprobou a nova programación de actividades na Reserva da Biosfera dirixida a todos os públicos para o ano 2024. O prazo abriuse o pasado 21 de novembro, e recibíronse un total de 37 propostas de concellos, entidades e asociacións da Reserva para desenvolver nos tres concellos que integra a Reserva (Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá).

A programación finalmente contempla un total de 24 accións ao ano dotadas cun orzamento de 25.000€, que permitirá celebrar dúas actividades por trimestre en cada concello. No primeiro trimestre do ano desenvolveranse por exemplo actividades orientadas ao sector agrogandeiro; unha xornada sobre a praga da velutina na Reserva: prevención, control de vespas invasoras;  ou un campamento medioambiental para os máis pequenos. Rivera Capón subliñou que estas actividades “seguen a ter un grande éxito e acollida entre a veciñanza e os visitantes que se achegan a este espazo natural”.

Creación dunha mesa de traballo Starlight

Na reunión desta mañá en Cervantes tamén se aprobou a proposta de creación dunha mesa de traballo para a posta en marcha do Destino Turístico Starlight Ancares Lucenses, un distintivo conseguido pola institución provincial para este espazo natural tras concluír con éxito as fases de auditoría astronómica e astroturística.

Esta certificación, que sitúa a Lugo entre os 60 destinos astroturísticos de toda España, supón, sinalou Pablo Rivera, un paso máis no impulso do turismo da provincia, pois con este logro “vaise protexer o ceo nocturno e desenvolver o potencial turístico das estrelas da zona certificada e tamén como unha aposta pola mellora daqueles puntos que foron detectados polos auditores como debilidade e ameaza de futuro”.