Skip to main content
A FonsagradaAs NogaisBaleiraBarallaBecerreáComarca LUGOXANavia de SuarnaNegueira de MuñizPedrafita

A Deputación reclama á Xunta que garanta a recepción do sinal da TVG na Montaña lucense

Por 26 Decembro, 2023Decembro 27th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia que adopte as medidas oportunas para garantir que os veciños e veciñas da Montaña lucense reciban o sinal das canles da TVG nas mesmas condicións de calidade técnica que o conxunto de galegos e galegas. Así se aprobou no Pleno deste martes logo dunha proposta do Goberno provincial que foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.

O deputado socialista pola Montaña e responsable de Medio Ambiente, Carlos López, expuxo que os veciños e veciñas de varias aldeas da parroquia de Castañedo, en Navia de Suarna, veñen denunciando a deficiente cobertura do sinal da televisión pública autonómica, a TVG, nos seus fogares. En concreto, enumerou os lugares de Coea, As Cobas, Castañedo e Mosteirín, que non poden visualizar a programación desta canle nas mesmas condicións que o resto de Galicia, e a pesar de que a pagan tamén cos seus impostos.

Acusou López á Xunta da “desatención das súas políticas cara o rural” e enumerou servizos públicos básicos que están a perder a diario os concellos pequenos como a sanidade, a educación ou a fenda tecnolóxica agravada pola mala cobertura. Puxo o acento en que, “por riba do seu lamentable sesgo ideolóxico, que leva sendo denunciado polos propios traballadores dende hai anos, a TVG é un medio público pagado polos impostos dos galegos e das galegas, ao que todos deberían ter igual acceso”.

“Pensamos que os veciños e veciñas da Montaña lucense teñen dereito a experimentar de primeira man o grao de manipulación informativa que o PP exerce sobre unha televisión pública e que, sendo de todos, debería reflectir a pluralidade ideolóxica de Galicia de xeito fidedigno”, ironizou o Deputado, que tamén lamentou o “desprezo” e “burla” do PP aos problemas do rural.

A moción aprobada recolle tamén que a Xunta “faga un exame de conciencia” para tratar de reverter “o carácter sectario e partidista da TVG” e converter os medios públicos no exemplo de pluralidade e servizo á sociedade; e tamén que atenda aos traballadores e traballadoras do ente público e as reclamacións que veñen formulando durante máis de 300 Venres Negros para denunciar a falta de pluralidade informativa e condicións laborais.