Skip to main content
As NogaisComarca LUGOXA

O PSOE esixe a dimisión do alcalde das Nogais

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

Os socialistas da provincia de Lugo esixen a dimisión do alcalde das Nogais, Jesús Núñez, por “persecución laboral e política”. “Persoas con esta actitude e comportamento antidemocráticos non deben ter cabida na vida pública”. Así o manifestou o Deputado provincial do PSdeG Pablo Rivera, ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara nulos o despido como traballadora municipal da actual voceira socialista no Concello, Sonia Fernández Pérez, como a amortización da súa praza no Concello, quedando de manifesto que o seu cese foi “unha represalia política” do rexedor do PP.

Os socialistas reclaman tamén que o Alcalde “pague do seu peto os cartos” que o Alto Tribunal obriga ao Concello a abonar, porque débese a causas imputables a unha decisión tomada polo propio Jesús Núñez. De feito, a propia sentenza recolle que, como xustificación da supresión da praza da traballadora, o Alcalde apunta, literalmente, que foi “unha decisión que tomo eu”.

Polo tanto, o pago das cantidades que a empregada deixou de percibir dende o seu despido máis os intereses legais correspondentes, “non deberían correr a cargo das arcas municipais, senón do propio Alcalde, porque é consecuencia da súa decisión arbitraria e irresponsable”.

Pablo Rivera subliñou que a situación provocada polos populares nas Nogais non se cingue só a este concello, pois “forma parte do ADN e do modus operandi no que está instaurando o Partido Popular na provincia dende hai unha década”. “Hai que lembrar que, se alguén abriu a veda, foi a propia presidenta do PP, Elena Candia, cando argallou aquela estratexia dos anónimos para eliminar a Besteiro como adversario político do Partido Socialista”.

“Alumno avantaxado da señora Candia en persecución política”

Desta forma, incidiu, “como alumno avantaxado da señora Candia, o alcalde das Nogais pasou o serrucho para eliminar a unha adversaria política, a voceira socialista no Concello”, e xa non é a primeira vez, lembrou Pablo Rivera. “O señor Núñez é reincidente porque nesa teima de persecución política a quen non pensa coma el, unha das regras básicas de calquera sistema democrático, no ano 2013 despediu a outra traballadora do Concello, polo que tivo que pagarlle unha indemnización de 41.000 euros”.

Polo tanto, asegurou, “dende o PSdeG non nos queda máis remedio que pedirlle ao Partido Popular, concretamente á súa presidenta provincial e ao seu voceiro na Deputación, que ultimamente ten a pel moi fina cando lle interesa, a dimisión do Alcalde das Nogais e que condenen estes gravísimos feitos, que deben ser, si ou si, erradicados para garantir a calidade democrática, porque co seu sectarismo e comportamento caciquil está coartando os dereitos e liberdades dos veciños e veciñas”.

“O Partido Popular neste momento ten que decidir entre solicitar a dimisión do Alcalde das Nogais e comportarse dentro do marco democrático, ou facer como noutros sitios, como en Cangas do Morrazo, onde o presidente Rueda mira para outro lado e non ten ningún problema en calar” ante unha agresión dun concelleiro do PP á tenente de Alcaldesa socialista, “ou incluso minusvalorar as actuacións violencias da ultradereita, os socios de Goberno do PP”, recalcou o Deputado. “O PP ten un problema importante, que leva nomes e apelidos, e chámase Alcalde das Nogais”.

A sentenza que vén de ditar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dálle a razón a actual voceira do PSdeG nas Nogais, Sonia Fernández Pérez, e declara nulos, tanto a supresión no ano 2021 da súa praza de auxiliar administrativo como funcionaria interina do Concello, como o seu despido, recoñécelle o dereito a reincorporarse ao seu posto de traballo nas mesmas condicións, así como o abono das cantidades que deixou de percibir máis os intereses, e impón as costas á entidade local.