Skip to main content
A Fonsagrada

A VIII Foliada da Fonsagrada quece motores

Por 3 Decembro, 2023Sin comentarios

A Fonsagrada acolle os vindeiros días 7, 8 e 9 de decembro a VIII da Foliada da Fonsagrada organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo.

Xa teñen listo o cartel completo que inclúe obradoiros e actividades cos que deleitarán aos asistentes, así mesmo contarán cunha butelada o xoves 7 ás 21.30 horas e que terá opción vexetariana.

Os menús serán cocido da Fonsagrada consistente en cachola, lacón, garavanzos, grelos, cachelos e butelo; ou o vexetal que terá grelada de verduras e risotto. Ambos menús incluirán de postre brazo de xitano, así como café e bebida, que consistirá en viño, cervexa, refrescos, gasosa e auga.

Comezarán os obradoiros co de Ramses Ilesies e no que se fará unha toma de contacto cos ritmos básicos a dúas mans da tradición asturiana. Será o xoves 7 de decembro de 16.00 a 19.00 horas no local da Asociación Antaruxas e Sorteiros. Para anotarse será necesaria a previa inscrición.

Así, contarán cun obradoiro de Brindos e Loias que estará a cargo de Kike Estévez, filólogo, profesor e repentista vigués, é especialista no canto improvisado oriental galego. Será o xoves 7 de decembro de 19.00 a 20.30 horas no local da Asociación Antaruxas e Sorteiros. Para anotarse haberá que inscribirse aquí.

Tamén comunicaron que o venres 8 será o concerto de Polavilak, onde Pedro Lamas homenaxeará a Kepa Junkera cunha actuación que recompila a traxectoria do vasco. Tamén o venres actuarán de L-R e o Omiri.

O sábado 9 será a quenda de Irmaus da raia seca, Tiruleque, unha banda que naceu na Coruña no ano 2002 e conta con cinco rapaces procedentes da música tradiciona; e con Mondra, un artista, cantareiro e bailador, é un dos nomes máis frescos da nova escena musical galega.

Así mesmo o dúo galego de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras actuará o sábado ás 13.45 horas e Alana amenizará a sesión vermú.

Tamén proporcionan lugar de durmida no polideportivo por un prezo de 5 euros. Aquí se poden atopar as bases reguladoras do hospedaxe.

Por outra banda e como cada ano, a Foliada da Fonsagrada homenaxea a algúns dos persoeiros máis relevantes da súa comarca. O primeiro foi Emilio do Pando, seguindo polo bailador Horacio de Xestoso, Serxio da Veiga e os cegos Modesta e Florencio. Con todo, tamén houbo homenaxes en vida, tal e como aconteceu no caso das bailadoras e das gaiteiros.

Para todos os integrantes da A.C. Petapouco e a Destempo é importante recordar e amosar a calidade do traballo de todos os persoeiros da Fonsagrada para valorar e coidar o patrimonio da súa comarca, motivo principal polo que se comezou a celebrar esta festa que, para o seu contento, non deixa de medrar.