Skip to main content
A Fonsagrada

Asinado un convenio entre Deputación e Club de Montaña Terras de Burón da Fonsagrada para colaborar coa súa actividade

Por 27 Decembro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un acordo co Club de Montaña Terras de Burón para colaborar na andaina participativa que se celebrou por primeira vez este ano, unha actividade que congregou a unhas 200 persoas e que consiste nunha ruta de sendeirismo de 13,5 quilómetros polo concello da Fonsagrada. A institución provincial achega máis de 2.600 euros para esta iniciativa.

Destacou o mandatario provincial que esta ruta de sendeirismo serve “para poñer en valor o patrimonio natural e dinamizar a vida do municipio”, engadindo que esta colaboración é un exemplo do compromiso da Deputación por traballar da man do tecido asociativo da provincia para sacar adiante iniciativas positivas para o desenvolvemento social e económico.

A responsable do Club de Montaña Terras de Burón, Nuria Fernández Yáñez, sinalou que se trata dun percorrido sen apenas dificultade, “para que poida participar todo o mundo”. Explicou que consta de 13,5 quilómetros e que ten un desnivel de 650 metros positivos. Entre os participantes deste ano, chegaron persoas desde Bilbao, Madrid, Asturias, Castela e León e mesmo Barcelona, aínda que a meirande parte foron da Fonsagrada e dos arredores.

O Club de Montaña Terras de Burón naceu na Fonsagrada no ano 2021 co obxectivo de practicar o montañismo como deporte principal. O deseño desta andaina pretende achegar á poboación ao deporte de montaña neste territorio combinando deporte, turismo, gastronomía e cultura.