Skip to main content
Lugo

A maxia das parroquias: Santiago de Prógalo

Por 25 Decembro, 2023Decembro 31st, 2023Sin comentarios

En Santiago de Prógalo, unha das parroquias máis pequenas da rexión central de Lugo, podemos visitar a sua igrexa parroquial románica e un castro da Idade de Ferro.

Santiago de Prógalo é unha das parroquias máis pequenas da rexión central da provincia de Lugo situada a uns doce quilómetros da cidade esta vila formou parte do señorío temporal dos bispos de Lugo polo que a súa aparición en documentos é abundante. A primeira noticia histórica desta vila é no ano 1088 nun documento onde o rei Alfonso VI enumera as posesións da comunidade de Mera en onde aparece como a uilla praenominata Procul.

Na actualidade esta pequena parroquia lucense conta, segundo o Instituto Nacional de Estadística cun total de dezaoito habitantes dos cales oito son homes e dez mulleres. Toda a poboación está repartida entre os núcleos de Airexe, Golmar, Lameiro e Tras do Castro sendo Gomar o máis habitado cun total de nove persoas. O Lameiro conta na actualidade só con un habitante e A Vila encontrase xa deshabitada.

A igrexa parroquial, aínda que cualificada como humilde en algunhas ocasións é un bo exemplo do románico rural con gran encanto arquitectónico. Este templo está moi próximo ao camiño primitivo e a súa construción conta cunha soa nave e ábsida rectangular ademais dunha cuberta en madeira e lousa a dúas augas. A porta principal esta cuberta por un sinxelo arco de medio punto con tímpano liso e a igrexa conta con outra entrada no seu lateral.

A ábsida foi reconstruída nun momento posterior á nave da igrexa principal, probablemente na segunda metade do século XX, momento no que se aumentou a súa altura ata o nivel da nave e se ampliaron as súas dimensións en planta facendo que o aspecto xeral da igrexa mudase substancialmente. A ábsida conta tamén cunha cuberta a dúas augas en madeira e lousa. Este conxunto eclesiástico está construído con perpiaños de granito e non conta cunha dependencia dedicada á sacristía.

Xa no interior da igrexa destaca a case ausencia total de ornamento acentuado polos seus muros totalmente brancos. Conta, iso si, cun altar maior no que se atopa un retablo do século XVIII e policromado en 1787 segundo consta na lenda repartida entre os dous laterais. A imaxe principal correspóndese con Santiago Peregrino e esta acompañada por unha imaxe da Inmaculada do século XVIII e as tallas da Virxe co neno e San Pedro, ambas realizadas no século XIV nun estilo románico tardío. No lateral esquerdo atópase outro retablo, con dúas columnas obra do século XVII e cunha imaxe de San Ildefonso pertencente a arte popular.

Nesta igrexa de Santiago de Prógalo podemos destacar tamén a pila bautismal, situada aos pés da nave e de época románica. Realizada en granito componse dunha copa semicircular de grandes dimensións e un soporte cuadrangular da época postmedieval. A parte exterior da copa está decorada con motivos xeométricos e esquemáticos ordenados en dous niveis arredor de todo o perímetro. A conservación desta pila, seguramente realizada por un canteiro local descoñecido, é boa salvo polo borde superior onde mostra un notable deterioro.

Dentro desta parroquia lucense tamén podemos visitar o Agro do Castro, coñecido tamén como Castronela, un castro cun perímetro circular de cento cincuenta metros cunha soa defensa datado da Idade do Ferro e que está incluído dentro do catálogo de Bens Patrimoniais.