Skip to main content
Lugo

O Ibader distingue cos VI Premios Rafael Crecente as propostas de Marta Gómez e Akaitz Sarasola

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

As autoras dun estudo sobre a recuperación das terras agrarias de Galicia a través das Aldeas Modelo e o proxecto de recuperación dunha hectárea dun castañal guipuzcoano de Koate, en Lizartza, reciben na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC os galardóns, dotados con 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, no marco dunha cerimonia presidida polo vicerreitor Francisco Fraga e na que se tamén se concedeu un accésit a iniciativa emprendedora con enerxías renovables de Vanessa Miramontes.

A doutora e enxeñeira agrónoma luguesa Marta Gómez Fandiño acada a sexta edición dos Premios Rafael Crecente a Ideas Innovadoras de Xestión Territorial cun estudo sobre a recuperación de terras agrarias de Galicia a través das denominadas ‘Aldeas Modelo’. O valor científico desta candidatura e o seu grao de aplicación práctica mereceu o favor do xurado da presente edición do galardón creado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemeto Rural (Ibader) da USC xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) en memoria do profesor e investigador na sede universitaria luguesa Rafael Crecente Maseda.

A cerimonia de entrega dos VI Premios Rafael Crecente, unha sesión académica presidida polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López, e na que tamén participaron o director do Ibader, Pablo Ramil Rego; a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero; a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, así como o deputado provincial delegado da área de Participación Cidadá, Iván Castro, serviu para lembrar a figura e o legado de Rafael Crecente como precursor e referente no ámbito da xestión territorial de Galicia.

A candidatura gañadora dos VI Premios Rafael Crecente, un galardón dotado cunha gratificación económica de 2.000 euros, responde aos criterios establecidos nas bases dun certame que naceu co obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. A estes mesmos principios tamén se axusta a proposta de recuperación dunha hectárea de superficie de castañal de Koate, en Lizartza, Guipúzcoa, presentada polo investigador vasco Akaitz Sarasola Mugertza, ligado á Fundación José Miguel de Barandiaran. A candidatura presentada por este enxeñeiro agrícola e forestal recibiu o segundo galardón, dotado con 1.000 euros, dos VI Premios Rafael Crecente, cuxo xurado tamén outorgou un accésit a Vanessa Miramontes Viña pola proposta Emprendemento e enerxías renovables: as comunidades de enerxías renovables como base dun desenvolvemento rural sustentable.

O programa da sesión de entrega dos VI Premios Rafael Crecente a Ideas Inovadoras de Xestión Territorial incluíu un relatorio ‘O futuro da enerxía’, a cargo do doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid, divulgador e investigador científico no Instituto de Ciencias del Mar do CSIC, Antonio Turiel, quen previamente foi presentado polo director do LaboraTE, David Miranda. Asemade, o director do Ibader aproveitou esta sesión para lanzar xa a apertura da próxima edición dos Premios Rafael Crecente.