Skip to main content
Lugo

A Gala do Deporte da Milagrosa outorgou 22 galardóns a clubs e deportistas da provincia

Por 2 Decembro, 2023Decembro 3rd, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na Gala do Deporte da Milagrosa coa que a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais deste barrio lucense recoñecen a deportistas e clubs da provincia de Lugo polo seu traballo e traxectoria. O mandatario provincial, que fixo entrega de 5 dos 22 galardóns da velada, puxo en valor o 30 aniversario desta cita, “un dos eventos de referencia na provincia”.

“Na Deputación temos un compromiso de colaboración e respaldo constante co noso deporte”, asegurou José Tomé, quen subliñou que a institución provincial destinará o ano que vén 5 millóns de euros a este eido.

Afirmou que o deporte “é unha actividade importante en si mesma, pero é tamén o punto de encontro de moitas políticas transversais”. Nese sentido puxo en valor o Presidente que facer deporte é unha forma de mellorar a saúde; “un mundo de valores, de colaboración e de competencia con respecto” fundamental para a socialización dos máis pequenos; “unha peza fundamental nas políticas de igualdade, pola súa visibilidade e forza transformadora”; ou “unha forma de promover a imaxe da nosa provincia fóra das nosas fronteiras”, porque explicou que “con orgullo, facemos nosos os logros dos deportistas e das deportistas da nosa provincia, e as diferentes competicións atraen a milleiros de persoas, favorecendo así un turismo de calidade”.

Felicitou á Asociación de Veciños da Milagrosa por manter a tradición da gala, “por seguir promovendo e recoñecendo o deporte e por contribuír, así, a facer un barrio e unha provincia mellor”.

José Tomé entregou o recoñecemento a deportistas, clubs e persoas vinculadas a diferentes disciplinas como Fran González, cunha bagaxe importante no mundo do balonmán, primeiro como xogador e agora como adestrador; Jacobo Gómez, que leva anos como speaker no Pazo dos Deportes do Club de Baloncesto Breogán; a Sociedade Deportiva Sarriana, que supera os 50 anos de historia no fútbol español; José Manuel Fernández, máis coñecido como Madriles, que leva unha vida dedicado á Sociedade Cultural e Deportiva da Milagrosa; a Germán Alonso, do Baloncesto CB Cidade de Lugo; e José Montero Fernández, delegado do SDC San Roque de fútbol.