Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

Humanidades acolle un foro de investigadoras sobre proxectos migratorios o día 13

Por 10 Decembro, 2023Sin comentarios

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC acolle o mércores 13 de decembro, a partir das 18.00 horas, no salón de graos do centro, a sesión ‘Mulleres á fronte: Intervencións socioculturais con migrantes’, un foro no marco do que se presentarán dous proxectos que teñen como suxeitos da investigación diversos grupos de mulleres relacionadas coas migracións.

A sesión, na que intervirán como relatoras Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira, Belén Fernández e Luzia Oca González, servirá de escenario para a presentación do proxecto ‘Mulleres á frente dende o Sur global’, unha actuación financiada pola CooperaciónGalega e a través da que se acometerá un estudo en forma de mapa de mulleres migrantes relacionadas coas artes escénicas de Galicia e outros grupos de ‘batukadeiras’ no municipio caboverdiano de Ribeira Grande de Santiago.

O obxectivo deste mapeo é servir de base para a creación dun arquivo dixital que recolla este patrimonio inmaterial propio das mulleres en Cabo Verde. O outro proxecto do que se dará conta neste sesión divulgativa programada na Facultade de Humanidades da USC desenvólvese baixo o título ‘Coidados a diáspora.  Unha etnografía fotográfica de mulleres caboverdianas en España’.

Neste caso, trátase dunha intervención financiada polo Instituto da Muller que se desenvolverá nos municipios de Burela, Bembibre (León) e Zaragoza, na que se empregará unha metodoloxía participativa, a través da que a técnica ‘photovoice’ permitirá crear unha exposición na que as descendentes de orixe caboverdiana retraten a vida cotiá e os coidados nas súas respectivas comunidades.