Skip to main content
Lugo

A Solaina abre este sábado unha mostra de Fernando Tomé

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

O vindeiro sábado 16 de decembro ás 18.00 horas terá lugar na galería de arte Solaina a inauguración da nova mostra de Solaina, A Palleira.

A exposición A Palleira, de Fernando Tomé, achega a este espazo a diversificación actual da súa produción artística. Entre a escultura cerámica, pintura e fotografía o artista trasládanos o seu mundo plástico e interpretación particular da contorna.

Nesta ocasión realiza unha colaxe poética a partir de fragmentos do poema científico De rerum Natura de Tito Lucretio Caro, o cal emprega como medio para contextualizar e presentar a mostra.

O título da mostra A Palleira vén dado polo interese en facer referencia a eses espazos que pasan a ser abandonados ou esquecidos e que son tamén contedores de obxectos e materiais que despois da súa vida “utilitaria”, son deixados e de algún xeito “sentenciados a unha aparente morte sendo agochados, silenciados e afastados na penumbra. Mais estes obxectos e materiais fóra da nosa mirada cotiá continúan nun proceso de transformación, nos que o tempo segue a deixar pegada fóra da súa relación co que concibimos por “útil”. Así pois nese estado de metamorfose os obxectos e elementos participan dun xogo para dar lugar á creación de novos diálogos entre si, xerando tamén novos significados e equilibrios na súa composición, maia mantendo consigo partes dunha memoria con moitas historias que contar”.

É de aquí, precisamente que nace entón a inquedanza de voltar a ollada sobre eses materiais e facer do proceso creativo un xogo automático de ensamblaxes beneficiado polo cruce de camiños aparentemente aleatorio entre individuo e obxectos ou materiais.

Esta metodoloxía na práctica creadora entende da continuidade na mutabilidade e a transformación, na que os corpos se descompoñen e recompoñen no baleiro e na escuridade da palleira para a partir da loita entre o equilibrio e desequilibrio, entre a orde e o caos, modelar novas formas e composicións. Desta maneira unha parte importante das pezas xorden da participación nesa loita, que nese sinxelo xogo de ensamblaxes e equilibrios pretenden cuestionar a fraxilidade deses conceptos: equilibrio, caos, creación e destrución, así como a relación entre os materiais contemporáneos. Procura unha fuxida da visión antropocéntrica e tamén dos estereotipos e canons do imaxinario colectivo para dar maior liberdade expresiva á propia materia e así poder empregar as súas propiedades estéticas e simbólicas como unha linguaxe plástica.