Skip to main content
Lugo

Continúan as estafas sobre os controis analíticos da auga en Lugo

Por 12 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo advirte de que poderían estar a reiterarse as posibles estafas denunciadas sobre os controis analíticos da auga de consumo en vivendas. Este aviso preséntase logo das queixas cidadás que se están a canalizar a través do 010, alertando de que “comerciais  dunha compañía contratada polo Concello”, visitaron os seus domicilios para realizar tomas de mostras da auga de consumo dentro dos mesmos e tomar todo tipo de datos relativos ás persoas que residen nas citadas vivendas.

O edil de Transición Ecolóxica advertiu que “en ningún caso, o Concello, nin a empresa Gestagua, son responsables desta campaña”. Desta maneira, os controis analíticos preceptivos lévanse a cabo de acordo coa normativa vixente por parte dunha empresa acreditada a tal fin e en ningún caso se toman mostras dentro de domicilios particulares, “moito menos sen a debida acreditación da identidade”.

Miguel Fernández incidiu, así mesmo, “na calidade da auga da traída de Lugo, que é apta para o consumo e cumpre sobradamente con todas as garantías necesarias”. Dende a Administración local alértase, polo tanto, á cidadanía do acontecido para que tomen as debidas precaucións e impedir a entrada no seu domicilio a estes falsos representantes.

O concelleiro lembrou tamén que, por actuacións similares no pasado, “podería tratarse de empresas comercializadoras de equipos de depuración domésticos. O “modus operandi” das mesmas consiste en tomar mostras, que someten a un falso análise, consistente en enturbar a mostra e convencer ao usuario da necesidade de adquirir o correspondente equipo de depuración, que ten un alto custo, sen ser necesario. Dende o Concello insístese de que calquera que sexa o fin que perseguen, é fraudulento e completamente alleo á institución municipal.