Skip to main content
Lugo

Lugo acollerá en xullo unhas xornadas sobre educación e museos

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

A Rede Museística Provincial acollerá do 3 ao 5 de xullo as Xornadas Internacionais sobre museos e educación, na que se exporán experiencias para difusión de patrimonio e cumprimento dos dereitos culturais desenvolvidas nunha decena de museos do Estado entre os que figuran o Museo do Prado, o Museo Arqueolóxico ou o Museo de Altamira, o Museo do Pobo Galego ou o Museo de Pontevedra.

No encontro, con sede compartida entre os catro museos provinciais, daranse a coñecer materiais e estudos que se están a desenvolver nestes meses por parte dunha ampla rede de investigadores universitarios, profesorado de secundaria e xestoras de museos e que teñen como obxectivo promover mudanzas no enfoque da educación histórica con novas narrativas creadas a partir do patrimonio dos distintos museos.

Museos e universidades implicadas no proxecto

A Rede Museística Provincial participa no proxecto xunto ao Museo do Prado, o Museo Arqueolóxico, o Museo e Centro de Interpretación de Altamira, Museo de Arqueoloxía Subacuática, o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, o Museo Memoria de Andalucía e o Museo de Murcia. Desde o ámbito universitario, ademais da Universidad de Murcia, que coordina a iniciativa, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidad de Valladolid, Universidade de Castilla La Mancha, a Universidade de Granada, a Universidad de Almería e a Universidad de La Laguna.

Os museos achegan ao proxecto unha selección de obras que, pola súa temática, autoría ou cronoloxía, permiten abordar temáticas sociais como a diversidade funcional, o papel da escravitude na situación das persoas racializadas, a diversidade sexual e de xénero, as migracións, os dereitos laborais, os roles de xénero e os coidados ou a influencia da tecnoloxía, entre outras.

En función desa escolma de obras, deseñaranse situacións de aprendizaxe para aplicar nas aulas e, posteriormente, avaliar o seu impacto no alumnado. Esa transferencia de coñecemento articularase a través dun curso en liña dirixido a docentes de secundaria que se desenvolverá no mes de febreiro.

Os materiais e estudos creados no desenvolvemento do proxecto exporanse durante as xornadas do vindeiro mes de xullo, que recoñecen a Rede Museística Provincial de Lugo como un referente na museoloxía social ao tempo que ofrecen unha nova oportunidade para ampliar e promocionar as obras e coleccións dos museos.

Ademais as xornadas, contará coa participación de Mario Chagas, presidente de MINOM, e da escritora Marilar Alexandre e da historiadora Ofelia Rey Castelao.