Skip to main content
Lugo

Arranca hoxe na Horta do Seminario o Mercado de Artesanía de Nadal

Por 15 Decembro, 2023Sin comentarios

O mercado Artesanía Alimentaria no Nadal de Lugo, organizado pola Xunta de Galicia, inaugurarase hoxe ás 16.00 horas na Praza Horta do Seminario. A feira, que se desenvolverá durante toda a fin de semana, contará cos postos de preto dunha trintena de empresas produtoras, que comercializarán produtos amparados baixo o indicativo Artesanía Alimentaria. Os asistentes atoparán produtos transformados como bolería, embutidos, xeados ou mel, entre outros. Os horarios serán mañá de 16,00 a 21.00 horas; o sábado de 10,00 a 14.00 e 16.00 a 21.00 horas; e o domingo de 10,00 a 14,00 e 16,00 a 19.00 horas.

Ao longo da fin de semana sucederanse actividades para a toda a familia -algunhas destinadas especialmente aos máis pequenos da casa- que poñen en valor os produtos agroalimentarios galegos. Así, mañá, aparte da inauguración e un espectáculo de teatro infantil, haberá unha demostración de cociña sobre merendas artesás, na que se poderá aprender a elaborar petiscos doces e salgados para as datas do Nadal por parte do chef Héctor López do restaurante España.

Por outra banda, o sábado haberá un obradoiro de almorzos de Nadal -a cargo de Álvaro Villasante do restaurante Paprika- con produtos de Artesanía Alimentaria e catas de queixo e cervexas artesás. Os asistentes poderán gozar tamén dunha degustación de sobremesas doces. Para finalizar, o domingo -derradeiro día da feira- haberá unha clase de elaboración de galletas. Ademais, cada día sortearanse tres lotes de produtos identificados co selo que garante Artesanía Alimentaria.

Actividades para os cativos

O mercado Artesanía Alimentaria no Nadal é un evento para todos os públicos, que conta cun programa especial dedicado aos cativos. Os nenos e nenas que acudan á feira poderán desfrutar de espectáculos teatrais –“A illa sen tesouro” de Teatro Gazafehlos-, de maxia, concertos -Brais das Hortas, Sabela King & The Heartbreakers e Factoría de Subsistencia- e demostracións de cociñas especialmente dedicadas a eles.

Hoxe, terá lugar o concurso Come e corre local, onde poderán desfrutar aprendendo onde se agochan os nutrientes dos alimentos galegos con denominación de orixe protexida e indicación xeográfica protexida, un obradoiro de chapas de Nadal e unha sesión educativa sobre como elaborar un menú infantil sinxelo con alimentos certificados. O sábado e o domingo, poderán asistir a un obradoiro de adornos de Nadal, xogar a un xogo de mesa xigante e deporte co reno de Papá Noel na actividade “Súbete ao reno e corre lixeiro”.

Aquelas persoas que desexen apuntarse ás actividades do Mercado -tanto ás infantís como ás catas ou demostracións de cociñas- deberán facer unha inscrición previa neste enderezo artesanialimentariagalicia@gmail.com.