Skip to main content
Lugo

O CEIP A Ponte participa no programa para fomentar o uso de alimentos de proximidade

Por 16 Decembro, 2023Sin comentarios

O CEIP A Ponte de Lugo participa no programa desenvolvido pola área de Rural e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a cooperativa A Carqueixa para fomentar o consumo de alimentos de proximidade nos comedores escolares.

O colexio lucense recibiu un lote de produtos de granxas e obradoiros alimentarios da provincia para incorporar aos menús do comedor, que xestionan directamente coa colaboración das nais e pais.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, acompañado pola concelleira Cristina López e o concelleiro Álex Penas, achegáronse ao colexio do barrio da Ponte, que incluíu o variado de produtos -empanadas, iogur natural e mel- nas comidas desta semana.

A iniciativa, que se desenvolve nunha decena de colexios, pretende facilitar o contacto entre producións locais e comedores escolares, abrindo novas canles de comercialización para produtoras e produtores e valorando o interese dos centros en incluír produtos de proximidade nos seus menús.

Para afondar nesa liña, o programa ofrecerá aos centros posibilidade de realizar un estudo individualizado que avalíe os procesos, embalaxes e loxística necesaria para incrementar a presenza de produtos de quilómetro cero nos menús escolares

O programa encádrase na campaña “Da granxa á mesa” coa que a área de Rural, Mar e Mocidade pretende promover o consumo de produtos de proximidade entre a poboación máis nova, con iniciativas propias e colaboracións que poñan en valor a calidade dos alimentos que se producen no rural e que sensibilicen sobre a importancia das decisións de consumo na sostibilidade económica e social das granxas e das pequenas producións locais, e polo tanto no mantemento da poboación no rural e na conservación do territorio.

Complementa o traballo desenvolvido pola área provincial a través do programa “Da Escola á Granxa”, no que o alumando que participa nas visitas ás granxas degusta os alimentos que se producen nelas, así como a experiencia adquirida, xunto á cooperativa A Carqueixa, na creación de plataformas de comercialización directa como “Son de Lugo”.

Ademais do CEIP A Ponte, participan no programa os colexios de San Cosme de Barreiros, Mondoñedo, Parga, Becerreá, Baralla, Guntín, Navia de Suarna, Cervantes e Mato Vizoso de Vilalba.