Skip to main content
Lugo

Gran éxito de público no Mercado de Nadal da Horta do Seminario

Por 17 Decembro, 2023Sin comentarios

O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o delegado territorial da Xunta en Lugo, visitou este evento.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta tarde o Mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal de Lugo, que se celebra ata mañá na Praza Horta do Seminario.

“É unha ocasión ideal para poder degustar os produtos galegos amparados baixo este indicador de calidade”, sinalou o conselleiro, que puxo de relevo o labor desenvolvido polas preto dunha trintena empresas presentes na feira, que elaboran todo tipo de preparacións de repostaría, bolería, embutidos, xeados ou mel, entre outros, sempre baixo os estándares deste distintivo de calidade.

Así, José González resaltou a importancia deste indicador -posto en marcha polo Goberno autonómico no ano 2020- e que se creou “baixo un tripo obxectivo”, na procura dun sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Tamén co fin de protexer o bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosos e co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.

Neste sentido, a Xunta de Galicia foi pioneira na regulación dunha marca destas características, así como na creación de diversas normas técnicas e dos distintivos identificadores. Actualmente, están vixentes 14 normas técnicas: as do queixo, requeixo e os xeados (dentro dos derivados lácteos), a dos derivados cárnicos (embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas e patés), a da sidra e a da cervexa.

Tamén as das conservas vexetais (incluíndo as marmeladas), dos produtos desecados de orixe vexetal, do mel, dos produtos de confeitaría, bolería e repostería, do chocolate e derivados do cacao, dos produtos vexetais para a infusión de uso en alimentación e do aceite de oliva. Dende a aprobación destas normas técnicas no ano 2022 rexistráronse 70 empresas produtoras, que contan xa co seu certificado de Carta Artesá.

Apoio ao sector alimentario

Este mercado está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural. Precisamente, José González sinalou que eventos como este son fundamentais para o eido alimentario, xa que contribúen a dar a coñecer este indicador e, máis aló, contribúen a reforzar o contacto directo dos produtores locais cos consumidores.

Por outra banda, é importante destacar que Galicia conta xa con ata 38 experiencias de calidade impulsadas dende a Xunta como proba do bo facer dos nosos agricultores e gandeiros, así como das industrias agroalimentarias. Seguindo esta liña, o conselleiro lembrou que neste 2023 se destinaron un total de 5,4 millóns para a promoción da calidade alimentaria galega, co fin de poñer en valor a nosa produción nos diferentes mercados. Ademais, a Consellería conta cun orzamento de 6 millóns de euros para seguir promocionando os produtos agroalimentarios galegos no 2024.

Neste sentido, fixo fincapé no compromiso do Goberno autonómico con este eido, que se materializa tamén en iniciativas como a Lei da calidade alimentaria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento. A norma aposta pola vía da calidade como estratexia para competir nos diferentes mercados, desde os de proximidade ata os internacionais. Este texto legal, indicou o conselleiro, pechará o ciclo do noso marco de ordenación e normativo para o rural galego, que nos permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a propia calidade.

Programación para toda a familia

O Mercado de Artesanía Alimentaria no Nadal en Lugo celebra hoxe o seu último día, con horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. A programación inclúe o espectáculo familiar de Brais das Hortas -12,00 horas-, unha cata de queixos artesáns -13,00 horas-, dous sorteos de lotes de produtos identificados co selo de Artesanía Alimentaria, o evento Historias doces na Artesanía Alimentaria -16,00 horas-, un espectáculo de maxia -17,00 horas- e o concerto de Sabela King & The Heartbreakers -18,40 horas-.