Skip to main content
Lugo

O BNG reúnese con representantes dos xubilados para recoller propostas

Por 18 Decembro, 2023Sin comentarios

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, xunto coa concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo. Como sinalou a deputada nacionalista, o obxectivo da reunión estivo enmarcado “no exercicio de proximidade e de compromiso que temos de posta a disposición dos veciños e veciñas para trasladar as súas reivindicacións ás institucións nas que temos representación”.

Olalla Rodil insistiu na necesidade deste tipo de reunións con asociacións de pensionistas, xa que “a súa experiencia é fundamental para comprender as necesidades do noso País, polo que dende o BNG nos comprometemos a traballar para asegurar unha vida digna e xusta para os nosos maiores”.

A deputada explicou durante a xuntanza que o BNG defende a transferencia das competencias en materia de Seguranza Social e pensións, “co obxectivo de garantir un sistema sanitario e de atención social ben financiado e unhas pensións dignas para as persoas xubiladas”. Para iso, insistiu Olalla Rodil, “traballaremos en estreita colaboración coas asociacións para abordar as preocupacións, mellorar os servizos e crear oportunidades para que desfruten dunha merecida xubilación activa, a través de solucións concretas e respectuosas”.