Skip to main content
Lugo

Clínica Fisbel: “Tratamos persoas, non patoloxías, polo que ofrecemos tratamentos individualizados”

Por 26 Decembro, 2023Sin comentarios

Raquel Ferreiro e Alejandra Somoza levan desde 2008 á fronte da clínica, especializada en prevención, tratamento e rehabilitación fisoterápica e fisioestética

Ofrecer un tratamento personalizado a cada cliente para mellorar tanto a saúde como a imaxe persoal é a filosofía da Fisbel. As fisioterapeutas Raquel Ferreiro e Alejandra Somoza levan desde 2008 á fronte da clínica, situada na rúa da Raíña e cun horario continuo, que está especializada en prevención, tratamento e rehabilitación fisoterápica e fisioestética, onde ofrecen tratamentos faciais e corporais, tecnoloxías como Indiba e servizos como clases de pilates dirixidas e hipopresivos.

Son das poucas clínicas enfocadas ao campo da fisioestética. Como é este traballo?

En moitas ocasións, a saúde e da beleza van da man. É difícil separar os dous campos, xa que as competencias solápanse. Por exemplo, tras unha cirurxía, a cicatriz debe tratarse sempre, para evitar que os tecidos se adhiran e provoquen limitacións de mobilidade da zona coas consecuencias que pode acarear para o noso sistema muscular esquelético e postural e para que esa cicatriz sexa o máis pequena posible e pase desapercibida. Por outra banda, unha celulite provoca un problema estético co que estamos familiarizados, pero ademais indícanos que nesa zona a circulación non está funcionado da maneira axeitada, o que pode provocar cambras, contracturas recorrentes e mesmo problemas asociados como arañas vasculares.

O seu labor pode ser fundamental para asegurar uns bos resultados tras unha operación.

Hai moitos profesionais da medicina estética e da estética ornamental, pero non moita xente que traballe a recuperación despois dunha cirurxía estética, oncolóxica ou mesmo unha cesárea. Despois dunha intervención hai unha serie de fases polas que pasan os tecidos e se non se lles axuda ou non se respectan esas fases, poden quedar secuelas importantes ou aparecer complicacións como edemas, infeccións ou cicatrices adheridas ou hipertróficas que repercuten moito máis do que pensamos.

Creen que a xente é consciente deses riscos?

Por sorte, cada vez a xente ten máis consciencia disto e acoden a traballar eses tecidos, mesmo antes da propia intervención para preparalos para a mesma e tamén cada vez máis profesionais médicos son conscientes da importancia do noso traballo e derívannos pacientes para que se continúa ca recuperación, xa que o éxito do seu traballo non depende deles, senón dos coidados posteriores que se lle dan a ese paciente.

Ademais, contan con diferentes terapias que axudan a que a recuperación sexa máis rápida e mellor.

Si, temos a terapia físico vascular e a Indiba son equipos que nos axudan tanto a normalizar a velocidade coa que circula o sangue como a darlle máis permeabilidade á membrana celular e a que polo tanto o intercambio destas substancias se realice a máis velocidade. Isto tradúcese nunha rexeneración e recuperación máis rápida e máis respectuosa cos tecidos, xa que é unha maneira non invasiva de tratalos. Ademais, a combinación destes equipos permite traballar tanto a nivel sistemático, en todo o corpo, como local, tratando unha rexión específica, pero podendo profundizar o tratamento achegando todas as capas dos diferentes tecidos do corpo. Teñen a vantaxe de poder tratar pacientes con implantes metálicos ou próteses porque non hai risco de queimadura interna, e neste caso a Indiba é o único equipo co que se pode traballar.

Tratan tamén problemas da articulación temporomandibular, que é aquela que une o cranio coa mandíbula e ten moita relación con problemas cervicais, cefaleas, acúfenos…

O noso sistema estomatognático é o que relaciona as cervicais, cranio e mandíbula é máis complexo do que parece e ten outras influencias en diferentes partes do corpo. Desta maneira, unha mala oclusión pode mesmo alterar a nosa postura favorecendo tendinopatías recorrentes ou un bruxismo pode provocarnos cefaleas frecuentes, mareos, otite de repetición ou acúfenos.

Neste campo o ideal é o traballo conxunto con outros profesionais como odontólogos, maxilofaciais, otorrinos ou outros compañeiros de profesión, xa que o obxectivo é sempre empregar todo o que estea na nosa man para mellorar na medida do posible a doenza do paciente.

Incorporar novas tecnoloxías e a formación continua para poder especializarvos definen o voso traballo, que tamén inclúe a fisioterapia pediátrica. En que se enfocan?

Tratamos as plaxiocefalias, as deformidades a nivel cranial que aparecen sobre todo por malas posicións do bebé dentro da barriga e tamén no momento do parto e hai que traballalo para que se corrixa. Tamén nos enfocamos en problemas dixestivos, sexa cólico de lactante ou nenos con refluxo e problemas coa deglución como poden ser os problemas de frenillo e coa succión, cando non colocan ben a lingua e que lles repercute a como tragan ou respiran. Ao final todo está relacionado, porque un bebé que teña un problema de refluxo vai a ter máis mucosidade e máis posibilidade de atragoarse.

Aínda que o máis habitual é acudir ao fisioterapia tras unha lesión ou unha doenza, os traballos preventivos xogan un papel fundamental para a nosa saúde.

Sempre é mellor inverter en prevención que tratamento, xa que estamos evitando que aparezan problemas e dores. Antes de ter unha patoloxía instaurada e ter que poñer remedio en paliar esa dor ou esa alteración é mellor poñer os medios necesarios para que nunca apareza.

Esta prevención pode comezar a través das clases de pilates e hipopresivos que ofrecen. Que beneficios aportan?

Estas disciplinas están enfocadas a traballar a musculatura postural, que é a que nos mantén todo o día en contra da gravidade, polo que é a que máis traballa e polo tanto a que máis sofre. Por iso, están tan de moda e se prescriben tanto para previr ou tratar problemas de costas que presentamos polo sedentarismo, a falta de actividade física ou pola mala alimentación. Debido ao nosa traballo ao a nosa vida persoal, estamos moito tempo de pé ou sentados con posicións mantidas, polo que se a musculatura que se encarga disto está forte e pode con esas cargas diarias non sufrirá tanto e previranse eses problemas.

Penso que non existe unha situación fisiolóxica pola que pase un corpo con máis cambios e repercusións físicas e emocionais como é un embarazo. Cambia a postura, o apoio, a respiración, a circulación, o noso centro de gravidade, a elasticidade dos tecidos… Todo isto trabállase co pilates.

Son exercicios que tamén axudan no día a día.

Inculcamos sempre que pilates non é vir a clase e esquecerse, é vir a clase e aprender determinados exercicios para cando estás ante un esforzo sabelo facer sen facerte dano. E telo que extrapolar a túa vida diaria, porque vas repetindo os xestos e valos automatizando. Por exemplo, cando chegas a casa e tes que coller ao teu bebé, xa non o fas sen contraer o solo pelviano para protexer esa zona.

Cal é a diferenza entre practicar esta disciplina nun ximnasio a facelo na súa clínica?

Nun ximnasio normalmente moitos conceptos de pilates non os explican, hai grupos moi grandes e a xente fai os xestos que indica o monitor sen un coñecemento de como ten que contraer, de como ten que suxeitar o solo pelviano para que non sufra con ese exercicio. Nós primeiro valoramos a persoa, despois facémoslle unhas sesións individuais para que aprenda os principios básicos da técnica e despois metémola nun grupo en función do seu nivel e dos seus horarios. Ademais, moitos dos que veñen teñen algunha patoloxía e dentro do mesmo grupo personalizamos cada exercicio en función de cada paciente e da súa evolución.

Unha boa maneira de empezar o ano sería cunha visita á clínica.

Si, sen dúbida, sería un bo desexo para o ano que entra. De feito, temos bonos personalizados que son un agasallo perfecto para os nosos seres queridos en calquera momento pero tamén nestas datas, porque ao final estás regalando saúde e beleza.