Skip to main content
Lugo

A EPS de Enxeñaría lidera un proxecto europeo para optimizar o uso de auga

Por 24 Decembro, 2023Sin comentarios

O proxecto I-ReWater, coordinado polo investigador do grupo PROePLA da USC Javier J. Cancela e cuxo orzamento supera os 2,2 millóns de euros, financiados nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), está impulsado por un total de 16 entidades que desenvolverán experiencias en España, Portugal, Francia e Andorra.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera unha iniciativa europea para optimizar o aproveitamento de auga rexenerada para usos agrícolas ao abeiro do proxecto I-ReWater Xestión sustentable dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe, tal e como se denomina a rexión formada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia.

O programa, coordinado polo profesor na EPS de Enxeñaría e investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC Javier J. Cancela Barrio, conta cun orzamento global de máis de 2,2 millóns de euros e está financiado nun 75% polo  Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A prioridade deste proxecto, impulsado por un consorcio liderado pola USC e do que forman parte 16 entidades beneficiarias de Portugal, España, Francia e Andorra, é a preservación do capital natural para reforzar a súa adaptación ao cambio climático, ademais da promoción do acceso á auga e unha xestión sustentable dos recursos hídricos no espazo Sudoe.

As posibilidades que se abren ao abeiro desta nova liña de investigación son múltiples e non pouco ambiciosas, dado que, segundo se deriva de estimacións xa realizadas, o emprego de auga rexenerada na agricultura de regadío podería implicar un aforro do 10% dos recursos hídricos dedicados na actualidade a tal fin, segundo precisa Javier J. Cancela. O investigador do Campus Terra da USC engade asemade que, alén deste aforro, que permitiría destinar a outros usos os recursos hídricos extraídos de pozos e canles fluviais, a propia composición da auga rexenerada, enriquecida en nitróxeno e fósforo, entre outros compoñentes, cumpriría tamén propiedades fertilizantes dos solos.

O proxecto I-ReWater botará a andar a mediados de febreiro de 2024 no Campus Terra da USC, onde se darán cita representantes dos 16 socios beneficiarios do programa, entre os que se atopan a Fundación Juana de Vega e a empresa Gestagua, ademais dunha ampla relación de colaboradores. Esta sesión inaugural servirá para favorecer a interacción entre os distintos socios, así como para perfilar e intercambiar información sobre as diferentes experiencias de aproveitamento de auga rexenera en parcelas de agricultura de rega que se desenvolverán en 16 localizacións do territorio Sudoe ao longo do trienio 2024-2026.

O persoal investigador implicado no proxecto I-ReWater analizará o estado actual dos recursos hídricos nos territorios que conforman o chamado espazo Sudoe, ao tempo que prestarán especial atención ao uso de augas rexeneradas na agricultura de regadío, así como nos efectos na produción e calidade dos cultivos, a fin de favorecer a resilencia e a seguridade das augas.

Os resultados das distintas accións parciais desenvolvidas permitirán a posterior elaboración dunha estratexia de actuación a nivel internacional que servirá para definir as distintas etapas a seguir no progresivo proceso de incorporación das augas rexeneradas ao conxunto de recursos hídricos dispoñibles destinados a regadío. O proxecto I-ReWater tamén posibilitará o desenvolvemento de ferramentas para a mellora de toma de decisións, a través da integración de modelos e aplicacións xa existentes na actualidade.