Skip to main content
Lugo

Renóvase o alumeado do pavillón da Casa do Deporte para favorecer o aforro enerxético

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, renovou ao longo destes días o alumeado da Casa do Deporte. Deste xeito, a pista de xogo da instalación situada no parque da Milagrosa conta xa con novas luminarias de tecnoloxía LED, o que supón un considerable aforro enerxético, amplía a súa durabilidade e mellora a calidade luminosa.

“O obxectivo desta intervención é modernizar unha instalación que rexistra unha importantísima actividade deportiva durante os sete días da semana ao tempo que favorecemos un aforro enerxético considerable e estendemos as horas de uso do sistema reducindo así os seus gastos de mantemento”, sinalou o edil.

De feito, este pavillón, que será proximamente unha das sedes do Torneo Lugo Sala, alberga diariamente os adestramentos de máis de 200 deportistas de disciplinas como o fútbol sala, o balonmán ou o voleibol, así como numerosas competicións destes e outros deportes. “A importancia estratéxica deste polideportivo municipal como soporte da actividade dunha parte considerable do tecido deportivo da zona norte da cidade é incuestionable. Por iso, estamos a planificar unha serie de melloras que nos permiten incrementar a calidade da instalación e evitar o seu desgaste”. apuntou Bustos.

Deste xeito, xunto coa renovación do alumeado, “aproveitamos a redución de actividade destes datas para instalar un novo vinilo cunha nova imaxe e novas dimensións no círculo central da pista a petición dos clubes de balonmán”, engadiu. O edil de Deportes recordou que esta actuación se enmarca dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha pola súa área para conservar e modernizar as instalacións deportivas.

En total, a capital conta na actualidade con máis de medio cento de recintos municipais destinados á práctica deportiva e ao adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido asociativo e sobre os que exerce unha supervisión continuada para garantir o seu bo estado.