Skip to main content
Lugo

ADEGA oponse á construción da Ronda Leste por ser “destrutiva” coa contorna

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia reuniuse este martes co grupo municipal do BNG, que foi o primeiro en dar resposta á solicitude para manter xuntanzas cos distintos grupos municipais do Concello. Mediante estas intervención, pretenden trasladar aos diferentes grupos políticos a problemática ambiental do municipio de Lugo e as solucións que se propoñen.

De acordo con ADEGA, a boa saúde do medio ambiente é fundamental para o benestar e coidalo é fundamental para coidar a saúde, a economía e para unha vida saudable. “Administrar os nosos recursos de xeito equilibrado, democrático e sustentable forma parte do benestar social”. Por iso, trasladaron ao grupo municipal do BNG a preocupación polo estados das augas, das árbores, do aire, da biodiversidade e de todos os elementos que integran o medio ambiente do Concello e o necesario aforro de enerxía “promovendo planos de aforro enerxético e avanzando cara a autosuficiencia mediante o aproveitamento das superficies xa urbanizadas”, como paneis solares ou pequenos aeroxeradores sobre naves industriais.

Neste sento, pretenden coidar as árbores e incrementar o seu número, así como rexistrar os cursos de auga do municipio e “non construír sobre os nacementos destes cursos como aconteceu nas Fontiñas ou no barrio do Castiñeiro”.

Ademais, animan a reservar e coidar as beiras dos ríos como Miño e o Rato “imprescindibles para o bo funcionamento do ecosistema global” e completar o cinto verde da cidade “preservando as masas forestais que aínda a rodean. “A Ronda Leste non debería de ser construída por innecesaria e destrutiva da nosa contorna. As poucas masas forestais que quedan son imprescindibles para o coidado da  biodiversidade”. Evitar as superficies impermeables para o chan que impiden que as augas de chuvia pasen representaría “un gran aforro de enerxía e económico”.

ADEGA propuxo planos de sensibilización cidadá sobre a nova cultura da auga e a Carta europea das Augas e dos beneficios que representan as árbores na cidade. “Unha ruralización da zona urbana como está a acontecer nas máis modernas cidades europeas é imprescindible para amortecer os efectos do quecemento global, con respecto ao coidado das hortas peri urbanas, evitando o masivo abuso de solos graníticos e impermeables que reflicten o sol no verán quecendo o ambiente e aumentam o frío no inverno”.

Trataron tamén o problema dos transportes e a mobilidade “desexando que se complete o plano de amortecemento do tráfico promovendo as bicicletas e o transporte público. Salientamos a importancia do tren de cercanías e de media distancia do que Lugo carece por completo. Do absurdo de termos licitado xa as obras da Intermodal cando Lugo carece, na práctica, de liñas de camiño de ferro que a comuniquen con eficacia co resto das cidades da Galicia”.