Skip to main content
Lugo

Investíronse máis de 58.000 euros desde o 2022 para reparar as pintadas ilegais en Lugo

Por 29 Decembro, 2023Sin comentarios

O custo da reparación de actos vandálicos por pintadas ilegais ascendeu a máis de 58.000 euros e supuxo 370 días de traballo desde xaneiro de 2022. Ante a proliferación deste tipo de agresións ao patrimonio, estanse a incrementar os dispositivos de control e vixilancia implementados por parte da Policía local co obxectivo de paliar as súas lesivas consecuencias sobre a cidade e a súa contribución ao rápido deterioro da faciana dos nosos barrios.

“Cada vez existe unha maior conciencia da degradación que xenera nos espazos públicos as pintadas interpretadas como acto vandálico, por iso é necesario non pasar por alto este tipo de actitudes, cuxa erradicación conleva un alto custo económico e de recursos”, apunta a responsable de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

“Do mesmo xeito, a arte urbana está a cobrar un valor crucial no proceso de rexeneración de determinadas zonas como demostran os proxectos levados a cabo na Rolda da Muralla ou na rúa do Esquecemento, onde algúns dos mellores graffiteiros participaron no programa social Urban Cores. Pero é crucial que estas iniciativas, ben públicas ou privadas, conten cos permisos necesarios para a súa execución”. Non todo vale, mesmo “cando falamos de proxectos de alto valor artísitco. Por exemplo, para facernos unha idea das implicacións que teñen este tipo de obras no exterior, en función da situación elixida para a súa execución, é necesario incluso adaptar aspectos como a gama cromática utilizada para cumprir cos criterios marcados por Patrimonio, como foi o caso da Castrexa”, explica o edil.

Ademais do control levado a cabo polos axentes da Policía local para evitar a proliferación de pintadas ilegais, que nos últimos meses deu como resultado a tramitación de catro expedientes

sancionadores, o Executivo de Lara Médez traballa noutras vías para confeccionar unha estratexia para manter limpa a cidade e que implica a varios departamentos municipais. De forma complementaria á acción sancionadora, a concellería de Transición Ecolóxica, ademais de actuar de forma regular nos edificios municipais, conta cun servizo gratuíto de limpeza de fachadas que está á disposición da cidadanía para actuar en edificios privados.

“Ante os actos vandálicos en bens públicos se pode actuar con maior rapidez. Cando son en edificios e vivendas privadas debe primeiro solicitalo a propiedade polo que é un procedemento máis lento; a única excepción é o Centro Histórico, onde se suprimen de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de que o pidan ou non”, explicou o responsable desta área. O terceiro eixo estratéxico aposta pola promoción da arte urbana como ferramenta rexenerativa dos espazos públicos.

Nesta liña de traballo, na que o Executivo de Lara Méndez é pioneiro en Galicia enmárcanse actuacións como o proxecto Urban Cores, coa mellora de espazos como as coñecidas coma Casas Sindicais, ou os murais de Xulio Cesar de Diego As, recoñecido como mellor do mundo no 2021 pola comunidade Street Art Cities, e A Castrexa de Manuel Pallín, finalista da mesma competición na súa presente edición.