Skip to main content
Lugo

Aspel volve presentarse na mediación que a CIG cualifica de “miserenta”

Por 29 Decembro, 2023Sin comentarios

“A patronal da limpeza acudiu a unha nova reunión da mediación cunha proposta que reincide nas ofertas anteriores: precariedade laboral e pobreza salarial. Unha broma de mal gusto cando as traballadoras levan xa 74 días en folga loitando por un convenio digno con salarios xustos e que non supoña recortar os poucos dereitos que teñen recoñecidos”, así o explicou a CIG trala reunión celebrada o pasado xoves, día dos Santos Inocentes.

Explican que a oferta económica trasladada este xoves é a mesma que xa estaba enriba da mesa cunhas pequenas modificacións: os incrementos dos anos 2022, 2023, 2025 e 2026 irían todos ao plus convenio mentres que a suba de 2024 iría toda a táboas. “Continúan negándose a incluír ningún tipo de cláusula de revisión e na antigüidade manteñen a proposta que xa había, coa novidade de que se garante que a 1 de xaneiro de 2027 se volvería percibir segundo o cálculo actual”, din.

Engaden ademais unha disposición adicional pola cal, no caso de que no primeiro trimestre de 2027 non estivese constituída a mesa de negociación se procedería a aplicar un incremento salarial do 0,5%. A representante da CIG, Asunción Castiñeira, valorou que a marcha das negociacións rolda xa “o surrealismo total” á vista da nula vontade da patronal de resolver o conflito.

Tras outro día máis sen avances “polas miserentas propostas empresariais”, a seguinte reunión da mediación quedou marcada para o 18 de xaneiro.

As traballadoras non se renden

“Mentres ASPEL marca o ritmo das negociacións e reunión tras reunión aparece con propostas que sabe que son inasumíbeis para as traballadoras, as administracións públicas, principais contratistas destes servizos, eluden a súa responsabilidade consentindo que as grandes empresas españolas como Acciona, FCC, Eulen, Clece ou Sacyr, engorden os seus millonarios beneficios a conta de estender a pobreza e a explotación laboral no noso país”, indican na CIG.

Por iso, solicitan que as administracións, nomeadamente á Xunta de Galiza, interveñan no conflito para que se garanta que, cando menos, o SMI é unha realidade nas táboas salariais do convenio. “De nada serven os bonitos discursos e as declaracións a prol da igualdade se despois se consinte que nun sector altamente feminizado como a limpeza o convenio conteña salarios de miseria para as mulleres”, din.

Afirman que “mais nin a intransixencia nin a prepotencia patronal, nin o abandono das administracións van dobregar as traballadoras, que están decididas a continuar coa folga iniciada o pasado 16 de outubro, no firme convencemento de que só a través da loita conseguirán un convenio xusto”.

“Esta estratexia de ASPEL de impor atrancos ao avance da negociación colectiva repítese no resto das provincias con mesas abertas e neste contexto, a extensión do conflito resulta imparábel. De feito, as asembleas de persoal realizadas na provincia de Pontevedra xa apostaron de xeito maioritario pola mobilización e pola convocatoria dunha xornada de folga o próximo 10 de xaneiro”, conclúen.