Skip to main content
Lugo

Tres alumnos de Lugo, premiados polo seu traballo nas especialidades artísticas

Por 30 Decembro, 2023Decembro 31st, 2023Sin comentarios

Unha ducia de estudantes de ensinanzas artísticas veñen de acadar os premios da Xunta de Galicia que recoñecen o seu desempeño excelente. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores e dos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño.

No caso dos galardóns de fin de carreira, recoñecen o labor do alumnado que rematou brillantemente os seus estudos conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2022/23, nos centros dependentes da Xunta de Galicia.

Tal e como recolle a orde de convocatoria, as persoas premiadas reciben unha dotación económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, certificando que se trata do estudante que conta co mellor expediente académico de entre aos solicitantes.

A listaxe de beneficiarios inclúe a Pablo Rodríguez Regueiro, estudante de Deseño de Interiores na Escola de Arte Ramón Falcón.

No que atinxe aos premios extraordinarios, distinguen o traballo de alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2022/23. Para acceder a estes galardóns, os candidatos debían ter unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

De acordo co establecido na convocatoria, os estudantes premiados reciben un galardón de 1.000 euros e un diploma acreditativo.

En Lugo os premios foron para Ignacio Illán Sastre, estudante de danza contemporánea no Conservatorio de Lugo, e para María Isabel Vázquez Rodríguez, alumna de cerámica artística na Ramón Falcón.