Skip to main content
Lugo

A alcaldesa de Lugo di que cederá os terreos para construír un centro de atención primaria no Sagrado Corazón

Por 30 Decembro, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de remitir unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladando a disposición do Concello para ceder a totalidade dos terreos permutados con Afundación no Sagrado Corazón, 5.764’59 metros cadrados, co fin de que o Executivo autonómico poida construír neles, alén do centro de atención primaria comprometido polo Sergas, o resto de dotacións que reclama a veciñanza da contorna.

“Sendo coñecedores das necesidades comunicadas dende a Asociación Porta de Lugo, que demanda da Consellería de Política Social a creación dun centro de día e doutro sociocucultural, así como dunha residencia de maiores e dependentes, entre outras reivindicacións, quero transmitirche persoalmente a nosa absoluta colaboración para cedervos máis chan do inicialmente reservado ao centro médicode 1.534 metros cadrados co obxectivo de que, así, lle poidades dar resposta tamén a estas peticións cidadás, que esta Alcaldía apoia na súa totalidade ao entender que son realmente necesarias para atender á poboación do barrio, moi envellecida”, indicaba Méndez.

Na súa misiva, a mandataria lucense apelou, ademais, ao labor conxunto entre organismos públicos, “que debe ser unha máxima de todas as Administracións, e o mesmo que conseguimos dar pasos para recuperar a área do antigo hospital no barrio da Residencia, seguro que, se hai vontade, poderemos seguir traballando en colaboración para revitalizar da mesma maneira o Sagrado Corazón con estes novos servizos”.

Deste xeito, Lara Méndez ofreceu ao dirixente galego a posibilidade de recoller xa no convenio que se asinará para construír as novas instalacións sanitarias este incremento de superficie, formalizando así o compromiso de ambas as dúas Institucións.

“Quedamos á espera das vosas noticias para modificar o borrador do acordo, xa elaborado, e incluír no mesmo este extremo, o que suporía continuar avanzando na rexeneración completa desta parte da capital que experimentará un gran revulsivo coa creación, por parte do Adif e do Concello, do paso de cidade que se habilitará coa Estación Intermodal”, concluíu a alcaldesa.