Skip to main content
Portomarín

O PSOE de Portomarín reclama explicacións sobre os gastos e o orzamento

Por 5 Decembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín denuncia a falta de transparencia do alcalde da localidade cos fondos municipais, “gastando diñeiro de todos os veciños e veciñas” en cuestións que non explica. O voceiro municipal do PSdeG en Portomarín, Marcos Arias Rodríguez, detalla que vén de celebrarse un Pleno extraordinario para aprobar unha modificación de crédito, “sen dicir que se vai facer con eses 147.098,07€ que son de todos”.

Nesa sesión, os socialistas pedíronlle información ao rexedor, pero este limitouse a sinalar que os fondos se destinarían ao pagamento de facturas, “unha contestación moi opaca e que non concreta nada”. “É inaceptable a naturalidade coa que o alcalde nega unha obriga esencial de calquera goberno. Queremos recordarlle a Pablo Rivas a importancia da transparencia e o exercicio dun goberno aberto, e a súa relación directa coa lexitimidade das decisións e políticas do goberno”.

Tamén lle pediron en catro ocasións información sobre a piscina municipal, sen obter resposta. O mesmo que aconteceu coa que lle requiriron sobre as novas cuadras de cabalos, ata en tres ocasións lla solicitaron, pero o alcalde non achegou ningunha documentación.

Sen Orzamento dende o 2021

Neste pleno, o Grupo Municipal Socialista pediulle ao goberno do PP “que se deixe de modificacións de crédito e que aprobe dunha vez o Orzamento 2024”. “Levamos sen Orzamentos dende o 2021, momento no que se foi o anterior alcalde Serrano. Dende que está Pablo Rivas non temos presupostos en Portomarín”, aseguran.

“Cada vez que lle dicimos no Pleno que ten que aprobar os Orzamentos dinos que o vai facer, de feito, dixo que ía aprobar o do 2023, pero para que? Quedan 20 días do 2023”, lamentan. “O importante é empezar o ano cos Orzamentos en vigor, sería o propio, e non estar como estamos. Esta situación é inaudita”.

Os socialistas de Portomarín tamén urxen a que o Goberno lles envíe as actas das Xuntas de Goberno municipais, xa que foron solicitadas en numerosas ocasións, pero “non temos ningunha”. Lembran dende o PSdeG que “impedindo o acceso á información aos grupos da oposición se está impedindo o acceso da mesma á cidadanía”.