Skip to main content
Portomarín

Os socialistas de Portomarín propoñen investir 264.000 euros na mellora de pistas e accesos

Por 30 Decembro, 2023Sin comentarios

Os socialistas de Portomarín propuxeron este venres no Pleno municipal empregar os 264.000 euros que recibirá o Concello do Plan Deputación en diferentes actuacións destinadas a mellorar a mobilidade do municipio. Así o explicou esta mañá o voceiro do PSdeG na localidade, Marcos Arias, quen sinalou a necesidade de empregar este investimento para seis actuacións en diferentes vías municipais. O Alcalde e o seu equipo votaron en contra aínda recoñecendo a necesidade das medidas propostas polos socialistas.

Concretamente, os socialistas propoñen a reparación e rexeneración da rúa Peregrino, incluíndo a reparación do apeadeiro de autobuses; as pistas de Gonzar a Cernada, de Vilar a Domez en Vilaxuste e de San Mamede a Vilariño; o acceso a Valderramos; e completar as vías que faltan por aglomerar en Castrolázaro.

Arias explica que tamén presentaron unha moción para remodelar o espazo que o Club Fluvial de Lugo emprega como almacén no entorno da piscina municipal e que este poida acoller un parque infantil cuberto. “O uso deste espazo vénse producindo sen ningún tipo de formalidade, non consta a tramitación de ningún expediente administrativo, e sen ningún beneficio para o Concello”, subliñou o voceiro socialista, para quen “sería moi importante dotar á veciñanza dun parque infantil cuberto e ese é un bo sitio”. Explicou Arias que os Orzamentos do 2024 están aínda sen elaborar, polo que incluír esa actuación sería unha posibilidade.

Outra das mocións que os socialistas levaron ao Pleno deste venres propón iniciar os trámites necesarios para requirir á empresa madeireira responsable que repare os danos provocados nos accesos a Vigo e Reboredo (na parroquia de Río) e a apertura dun expediente sancionador, tal e como contempla a Ordenanza municipal, que prevé compensacións por un importe superior aos 6.000 euros.

“Este acceso leva en pésimas condicións desde o pasado mes de novembro. A xente que vive alí non pode transitar pola única vía de acceso ás súas casas”, denuncia Marcos Arias.