Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

Acruga e a IXP Ternera Galega unen esforzos para a comercialización e promoción

Por 1 Decembro, 2023Sin comentarios

A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) e a Indicación Xeográfica Protexida de Tenreira Galega, firmaron un acordo de colaboración na Facultade de Veternaria co fin de realizar diferentes accións divulgativas e promocionais conxuntas, dando un paso máis na protección e defensa do sector.

O obxectivo tamén é desenvolver e potenciar o sistema de produción e a comercialización da carne de vacún de calidade, así como a cría, promoción e difusión da Rubia Galega baixo o paraugas da IXP.

Durante a firma deste convenio lembrouse que baixo a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega só se comercializa a carne de calidade procedente de tenreiros nados e criados nas explotacións gandeiras rexistradas no Consello Regulador, que superasen todos os controis que establece o regulamento da denominación en canto á súa orixe, rastrexabilidade, manexo, alimentación e benestar animal; e que á súa vez estean inscritos no rexistro de nacementos do libro xenealóxico da raza Rubia Galega ou que reúnan as características do seu estándar racial, segundo valoración dos técnicos de Acruga.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro e terá unha duración de 20 anos aínda que faranse revisións periódicas cada cinco.

Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno, asistiu ao acto e remarcou que os gandeiros e agricultores son o motor fundamental do rural na provincia, pois “grazas a eles e á unión das entidades consolídanse as posibilidades da creación de emprego, a transmisión de valores sostibles e a dinamización dos municipios; nesta liña tenderemos sempre a man para recoller as súas inquedanzas e tratar de darlles resposta”.

O deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, asegurou que este acordo “supón un paso máis na modernización e no desenvolvemento do noso sector primario, a través do impulso á produción, promoción e comercialización da carne amparada baixo a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, un produto de alta calidade que aporta un gran valor engadido”.

No acto, Iván Castro subliñou o apoio ao sector primario como unha liña de acción prioritaria para a Deputación con iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, un centro público de referencia en Galicia, no que precisamente mantén unha liña de actividade de recría de Raza Rubia Galega en colaboración con Acruga para potenciar e apoiar ás explotacións gandeiras da provincia.