Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta asegura que comezará hoxe a pagar novas axudas da PAC

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

A Xunta, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga, adscrito á Consellería do Medio Rural), continuará a partir de hoxe, xoves, facendo efectivos os pagos da Política Agraria Común (PAC) aos agricultores e gandeiros galegos.

En concreto, e antes de que remate o presente ano 2023, pagaranse un total de 96 millóns de euros máis, que se suman aos xa aboados en outubro e novembro pasados, correspondentes ao anticipo da PAC, e que sumaron preto de 44 millóns.

Dos pagos que se van facer agora, a maior parte (arredor de 78 millóns) corresponden a axudas directas, máis especificamente ás liñas de axuda básica á renda, pago redistributivo, axuda a mozos agricultores, vacún extensivo de carne e vacún de leite. O resto, os 18 millóns restantes, son das axudas ao desenvolvemento rural, en particular para zonas con limitacións naturais. Así pois, con todos estes importes, o Fogga completará neste ano o pagamento de case 140 millóns de euros da campaña PAC 2023.

Anualmente, uns 25.000 agricultores e gandeiros galegos solicitan estas achegas, que xestiona o Fogga e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.