Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP di que a subida do Plan Único beneficia só aos 5 concellos máis grandes

Por 20 Decembro, 2023Sin comentarios

“O Plan Único non sube nin unha quinta parte do que ascenderon os orzamentos da Deputación de Lugo para o 2024. Tendo en conta a inflación, unha subida do 1% é, na práctica, unha baixada das achegas da Deputación de Lugo aos Concellos polo que o goberno provincial os condena a facer menos polos seus veciños”, explica o portavoz do Grupo Provincial, Antonio Ameijide.

Pero, o que é peor, “o incremento de 250.000 euros será repartido entre os cinco concellos máis poboados da provincia (50.000 euros para cada un)”. É dicir, “o goberno provincial que preside José Tomé dá máis a quen máis ten”, segundo condena o popular.

Ameijide sinala que “os cinco Concellos máis poboados e que dispoñen de máis medios (ademais de que son os habituais beneficiarios dos convenios que asina o presidente Tomé) disporán dun 10% máis de fondos procedentes do Plan Único da Deputación de Lugo. Pero, o resto ou soben de forma irrisoria (a gran maioría non supera o 1% de subida) ou baixan (34 Concellos, que supón máis da metade dos Concellos da provincia)”. Para estes últimos supón, segundo incide o popular, “unha dobre baixada: pola inflación e pola baixada literal do importe con respecto ao que percibiron o ano pasado”.

Á vista destes datos, o portavoz popular considera que “a solidariedade interterritorial e a cooperación cos Concellos é exactamente o contrario do que fai este goberno provincial”. Pero, ademais, cre curioso que “mentres que o Goberno anunciou que vai aumentar nun 22% a participación das entidades locais nos tributos do Estado, a Deputación só incrementa un 1% ou baixa, na práctica, a axuda aos Concellos”.

PETICIÓNS DO PP

“Dende o Grupo Provincial Popular non entendemos que cunha subida de 6M€ e máis do 5%, non sexa máis ambiciosa a subida do Plan Único por parte do goberno provincial”, subliña. E, nese sentido, lembra que “pediramos un incremento do 30%, ademais de garantir un reparto igualitario para todos os Concellos da provincia en lugar do caciquismo moderno ou municipalismo de amiguetes que ten instaurado Tomé no goberno da Deputación de Lugo”.

Os populares cren que “o anticipo destes fondos aos Concellos debería chegar ao 90% porque moitos concellos non teñan capacidade económica para adiantar ese gasto e, polo tanto, non lles chega co compromiso de que recibirán ese diñeiro. Os Concellos non deberían estar condicionados pola incorporación ou non de remanentes na Deputación de Lugo. Ese diñeiro debería estar xa consignado”.

Así mesmo, dende o Grupo Provincial Popular reclaman que “as bases sexan máis flexibles e permitan dirixir unha porcentaxe ao financiamento de gastos correntes das administracións locais para axudar realmente aos Concellos que máis o precisan”.

TOMÉ CAMBIA O NOME DO PLAN

Os populares tamén condenan o cambio no nome do que ata o momento se coñecía como Plan Único de Cooperación cos Concellos por Plan Deputación. “O que lle interesa a este goberno provincial é que se saiba que o Plan é da Deputación de Lugo, non atender á súa función que é a de cooperar cos Concellos máis pequenos para que poidan atender ás necesidades dos veciños da provincia”.