Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O debate sobre o veto dos móbiles nos centros: “No momento en que mercamos teléfonos a nenos de 10 anos temos un problema”

Por 23 Decembro, 2023Decembro 24th, 2023Sin comentarios

Galicia estende a prohibición aos recreos, ao comedor e ás actividades extraescolares a partir de xaneiro, unha medida que xera distintas opinións entre as familias e a comunidade docente

Lucía Blanco

Regresar ás aulas despois das vacacións de Nadal conlevará un lixeiro cambio para os alumnos galegos, pois farano esquecéndose dos móbiles tamén nos seus momentos de ocio. Esta nova medida aprobada pola Administración autonómica implica que os rapaces e rapazas non poderán usar os dispositivos durante as clases, unha práctica que xa estaba prohibida dende o 2015 e que agora se estende aos momentos fóra do horario educativo, xa que tampouco os poderán empregar durante os recreos e os períodos de descanso.

Das rúas ao plano político, o debate sobre o uso dos dispositivos transcende esferas e toma un novo rumbo. Tanto os centros de ensino de secundaria públicos como os concertados e os privados estarán libres de móbiles nos recreos, nos comedores e tamén nas actividades extraescolares, mentres o Goberno galego estuda aplicar a normativa tamén entre os de 16 e os de 18 anos. Reducir a distracción e fomentar unha aprendizaxe máis centrada son os obxectivos desta norma nun contexto de crecente preocupación polo impacto da tecnoloxía no ambiente educativo.

“Isto fóisenos das mans fai tempo. No momento en que empezamos a mercar móbiles a nenos de 10 anos hai un problema. Aquí a responsabilidade é de todos e de todas, porque non sabemos o que teñen entre mans e eles tampouco o saben”, di Isabel Calvete, presidenta da Confederación de Anpas Galegas. Neste senso, o emprego abusivo da tecnoloxía, as adicións, o incremento do ciberacoso, o fácil acceso a materiais pornográficos e o descenso do rendemento escolar son inquedanzas que se manteñen enriba da mesa.

Ata este momento, os institutos eran os que limitaban o uso das pantallas durante os períodos de descanso, pois nos centros de primaria xa estaba prohibido, xa que o recreo e o comedor forman parte do horario lectivo. De feito, segundo datos proporcionados pola Consellería de Educación, o 75 % dos centros educativos galegos públicos e concertados xa tiñan vetado o seu uso entre o alumnado en todo momento, polo que dende Anpas Galegas non lle encontran moito sentido a estender a prohibición. “Fai 9 anos que en Galicia xa se prohibiron e a situación non mellorou. Cando falamos da prohibición non nos convence, convéncenos o tema de traballar sobre a problemática, a prevención, a información e a formación, que é o queremos que faga a Consellaría”.

Mellorar a concentración

A comunidade docente, pola súa parte, acolle de bo grado esta nova medida, xa que apostan por unha regulación de referencia a nivel estatal que lles permita aos centros dirixir a súa utilización e asegurar a convivencia nas clases. “Hai estudos que teñen detectado que só por ter o teléfono na mochila apagado, o grao de atención non é o mesmo que se non o teñen dentro da aula”, explica Julio Díaz, presidente do Sindicato Anpe.

Ademais de dificultar a práctica educativa, que as pantallas sexan o elemento protagonista do día a día dos máis novos tamén afecta as súas relacións sociais. “É moi triste ver a dous ou tres rapaces xuntos falando por WhatsApp con outros que están a sete metros. Non hai unha relación, nin un contacto. Nós cremos que o tempo de recreo é un tempo corto para a convivencia e, sobre todo na zona do rural, ese tempo para a convivencia é moi importante”, engade Díaz. Un argumento que xa defendeu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao anunciar a medida o pasado 7 de decembro, cando asegurou que servirá para “impulsar as relacións interpersoais e mellorar a convivencia”.

Porén, tampouco se pode perder de vista os usos pedagóxicos dos dispositivos dixitais cando funcionan como unha ferramenta máis de aprendizaxe, tal e como contempla a normativa. “Está claro que os rapaces están co móbil, coas tablets e as novas tecnoloxías a diario, así que pedagoxicamente e con medios educativos si que é bo utilizalos mesmo para explicar certas cuestións”, mantén o presidente de Anpe.

Os móbiles convertéronse na forma de relación que teñen hoxe en día os rapaces, pero precísase a colaboración dos pais para poñer límites na cuestión. “É un problema social, non é un problema dentro do ámbito educativo, vai moito máis aló. Queremos transmitir ás familias que nos falta formación a todos e que hai que ter un control pero desde todos os lados. Desde as familias tamén, para saber que están mirando e a onde están chegando coa información que se lles ensina”, defende Calvete. Para o colectivo, é preciso abordar a problemática dende outra perspectiva e formar “tanto ás familias, ao alumnado e ao profesorado nun bo uso das tecnoloxías”.