Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP lamenta que o plan da Deputación “conxélase ou baixa para 62 dos 67 concellos”

Por 26 Decembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Provincial Popular cre que a mesma cantidade que se incrementou o orzamento da Deputación de Lugo para o 2024 “tiña que dirixirse aos municipios a través dunha subida do plan de cooperación cos Concellos da provincia”. O portavoz, Antonio Ameijide, lamentou durante unha rolda de prensa na que participaron os deputados e tamén alcaldes e portavoces de toda a provincia que a proposta “urbanita do Plan Deputación do Goberno provincial de PSOE e BNG é pobre e, aínda por riba, inxusta e por iso non o podemos apoiar”.

De feito, os deputados do PP abstivéronse na votación. “O que ata agora se coñecía como Plan Único é pobre porque conxela ou baixa a aportación da Deputación a 62 dos 67 Concellos da provincia (baixa a achega a 34 Concellos, máis da metade dos municipios da provincia) cando o orzamento da Deputación de Lugo se incrementou en preto de 6 millóns de euros. O presuposto subiu un 6 %, pero o rebautizado como Plan Deputación só se incrementou nun 1 %; a pesar de que os concellos teñen que facer fronte a unha inflación bastante superior”.

O voceiro tamén incide en que é “inxusto porque lles sube a aportación aos 5 concellos con maior poboación deixando de lado aos concellos pequenos, que son aos que debe apoiar especialmente a institución provincial”. Mesmo entre os restantes 28 aos que “lles sube a aportación suman un total de 39.402 euros entre todos (1.407 € de media a cada un); mentres que para os 5 máis poboados, curiosamente gobernados por socialistas ou ex socialistas, se lles incrementa 50.000 euros a cada un”.

Os populares lamentan que o Goberno provincial de PSOE e BNG “se estea a rir dos veciños dos 62 concellos da provincia” e amose un “claro desprezo polo rural” cun plan provincial “urbanita” ao que lle cambiaron a nome porque “o que lles interesa é a propaganda, tal e como o recoñecen coa súa xustificación do cambio de nome: para que a veciñanza identifique as obras e servizos que financia a institución provincial grazas a este programa”.

Ameijide sinala que “PSOE e BNG son capaces de facer inxusto o que debería ser xusto”. E o peor é que non parece acabar aquí porque a memoria do Plan Deputación avanza que “no vindeiro ano subirán o importe máximo a percibir polos concellos noutros 50.000  euros, é dicir, ata os 600.000 euros, o que suporá que se beneficiarán de novo aquelas poboacións máis grandes”. Polo tanto, os deputados provinciais convidan ao goberno provincial a reflexionar antes de “perpetuar no pleno deste martes un novo desprezo á provincia”.

Propostas do PP

O Grupo Provincial Popular ten defendido en varias ocasións un incremento dun 30 % para o plan de cooperación cos concellos, é dicir, uns 6,5 millóns de euros  aproximadamente “que se poderían financiar cos fondos que o goberno que preside Tomé dirixiu este ano a convenios a dedo antes das eleccións municipais ou cos fondos nos que se incrementou o orzamento provincial para 2024”.

Os populares tamén apostan por incrementar “ata o 90 % o adianto deses fondos aos Concellos” tendo en conta que algúns non poderán adiantar a cantidade do total do investimento; e tamén propoñen “permitir destinar parte desta achega para gastos correntes” en función das necesidades de cada entidade local.