Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP presenta a Tomé un decálogo de propósitos para 2024

Por 30 Decembro, 2023Sin comentarios

Os deputados provinciais do Partido Popular “ven necesario” que tanto o presidente da Deputación como o resto de deputados do goberno provincial se tomen en serio as necesidades de todos os veciños da provincia “para corrixir as desigualdades que crearon coas súas decisións sectarias, pouco transparentes e practicando o municipalismo de amiguetes”

Polo tanto, o partido pide a Tomé “humildade, respecto e propósito de emenda” e asuma un decálogo de compromisos para o 2024.

Trato igualitario para todos os concellos: “Eliminar o sectarismo da Deputación de Lugo e comezar a dar un trato igualitario a todos os municipios para que todos os veciños da provincia teñan as mesmas oportunidades. É necesario dar transparencia á sinatura de convenios, dando as mesmas oportunidades a todos os concellos da provincia rematando co reparto a porta pechada que adoitan realizar”.

Rematar co municipalismo de amiguetes: ” É necesario rematar coa política imposta por Tomé de practicar un municipalismo de amiguetes e que a Deputación de Lugo practique un reparto de fondos xusto, público e igualitario para todos os concellos2.

Rede de estradas e parque móbil provincial: “Urxe que o presidente da Deputación se tome en serio o mantemento da rede de estradas provincial atendendo todas as reclamacións realizadas por todos os municipios e non só as de aqueles concellos afíns ao goberno provincial, do mesmo xeito que urxe a posta unha disposición xusta dos medios do parque móbil para TODOS os concellos”.

Subvencións:  “Cómpre que a Deputación de Lugo realice unha tramitación transparente e áxil das axudas e subvencións”.

Residencias: “A apertura da residencia de Becerreá durante o ano 2024 ten que ser unha prioridade para o presidente da Deputación, como tamén o debe de ser axilizar e impulsar as pendentes: Caurel, Portomarín, Pantón, Pobra do Brollón… e todas as xa comprometidas”.

Sector primario: “Dar un apoio real ao sector primario da provincia (agricultura, gandería e pesca) debe ser unha prioridade para o goberno provincial, xa que se trata dun dos motores económicos de Lugo, aos que este goberno provincial lles quitou fondos nos orzamentos para 2024”.

Impulso ao turismo: “As diferentes rutas do Camiño de Santiago que percorren a provincia comparten numerosos treitos con estradas de titularidade provincial, nas que José Tomé debería de dar exemplo e, ademais de mellorar o seu mantemento, tería que proceder á eliminación dos puntos negros e perigosos naquelas zonas nas que comparten percorrido. Tamén urxe maior preocupación polas infraestruturas turísticas, como o Museo Provincial, o Museo do Mar, o Pazo de Tor e o Museo/Fortaleza San Paio de Narla, ademais de impulsar e fomentar a Ribeira Sacra, A Mariña ou A Montaña”.

Economía:  “Poñer en marcha medidas de apoio ao emprendemento e o impulso e mantemento dos polígonos industriais provinciais”.

Infraestruturas: “Cómpre maior implicación do goberno provincial na reclamación das numerosas infraestruturas pendentes na provincia de Lugo, como son as autovías a Santiago (A-54), a Ourense (A-56) ou a autovía da Mariña (A-74), ademais do arranxo das estradas nacionais, sen esquecer a chegada da Alta Velocidade ferroviaria á provincia xa que somos a única provincia galega que quedamos fóra”.