Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXARibas de Sil

Roberto Castro, da Banda de Folk Ribas de Sil: “Os pequenos músicos son profetas da súa propia terra”

Por 24 Decembro, 2023Decembro 25th, 2023Sin comentarios
Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Roberto Castro González, encargado da Banda Música de Folk do Concello de Ribas de Sil e, ademais, tenente de alcalde do Concello.

Como xorde a Banda de Música de Folk do Concello de Ribas de Sil?

É unha banda de música folk que se crea no Concello de Ribas de Sil no ano 1998 que xorde como resultado dunhas clases de música que se dan no propio Concello nese ano. Como o interese dos participantes é moito, o Goberno municipal implícase na actividade e adquire material musical e sistemas de megafonía, que pon a disposición deste grupo de nenos e nenas e así poida sacar á luz o seu traballo.

Nese momento, saíron á luz dous grupos: a Banda Folk e a Banda de Gaitas, que durante anos camiñaron xuntos e os compoñentes de ambos grupos musicais eran os mesmos.

A Banda de Música de Folk non só se creou cun motivo meramente musical, tamén ten unha proxección a nivel comarcal que engloba aos tres concellos que forman parte do Xeoparque Montañas do Courel, Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel; xa que os músicos que conforman o grupo, forman parte dos tres concellos.

Por quen está formada e cales son os obxectivos desta Banda de Música?

A Banda de Música de Folk está formada por 8 nenos e nenas de entre 8 e 16 anos dos tres concellos do Xeoparque e eu, que tamén participo con eles. Ao longo da historia desta Banda, pasaron xa sobre uns 40 rapaces que se introduciron no mundo da música.

O primeiro obxectivo é que os nenos e nenas aprendan a tocar un instrumento, que é un obxectivo educativo; tamén queremos que aprendan e o pasen ben, o que é un obxectivo lúdico e cultural, xa que o concerto é atractivo para a xente; un terceiro obxectivo é inculcar aos pequenos a axuda aos demais, e o último é promover o coñecemento e posta en valor dos tres concellos que conforman o Xeoparque Montañas do Courel.

Que tipo de música tocan e con que instrumentos?

A nivel instrumental, o grupo mestura instrumentos tradicionais, como o violín, o acordeón, a frauta e a gaita, con instrumentos modernos, como a guitarra eléctrica, o baixo eléctrico, ou a  batería, aínda que tamén hai unha gaita eléctrica. Gústanos combinar tradición con modernismo e facer unha música variada e moi dispar con diferenzas. Tocamos outros tipos de gaita porque a tecnoloxía nos dá esa posibilidade.

Por outra parte, facemos unha música folk rock con diversas cancións, lentiñas, cantadas, cancións cun pouco máis de caña…

Que tipo de actividades fan?

Comezamos facendo actuacións no ano 2000 e, ao poñer o propio Concello de Ribas de Sil o material necesario para poder actuar, podiamos facelo tanto en casas culturais dos diferentes concellos, como ao aire libre.

Por iso, facemos moitos concertos que son de promoción do Xeoparque, aos que chamamos Xeoconcertos, nos que facemos unha presentación para falar do que é un xeoparque e contextualizamos cunha pantalla xigante para ver os lugares máis emblemáticos que temos. A estes concertos veñen persoas de toda España e de fóra e o que intentamos é facer que os nosos concertos transcendan máis alá da música, mostrando o noso patrimonio inmaterial.

Ademais, nos concertos que non son dedicados ao Xeoparque, tamén tocamos unha canción que se chama ‘CourelMountains’, a canción máis chula e a que utilizamos para abrir os concertos. Así, a estes concertos

Por outra parte, tamén temos actuacións das que se fixeron cargo os Itinerarios Culturais da Deputación de Lugo, uns concertos solidarios que consisten en que nós imos a actuar a onde nos chaman e a Deputación de Lugo encárgase de subvencionar todos os gastos que xeramos ao desprazarnos cara ao Concello que nos chame. Chamáronnos de bancos de alimentos, de asociacións de enfermidades raras, etc. e nós sempre imos aínda sen cobrar nada porque queremos axudar tamén á xente e os nenos e nenas da banda séntense moi orgullosos cando facemos este tipo de iniciativas.

Ademais, é importante nas actuacións o acompañamento das familias, que tamén participan destas iniciativas e formúlase unha situación de convivencia entre o alumnado, as familias e as persoas ás que vas visitar para poñer na súa vida un pouco de música folk e a mellor cara, mentres que nós coñecemos lugares novos.

Como é a acollida deste grupo musical, tanto en Ribas de Sil coma no Xeoparque?

Eu pódoche dicir que penso que os pequenos son profetas da súa terra, porque facemos un concerto nas festas de Ribas de Sil en agosto e xúntanse 400 persoas e ves que permanecen desde o principio ao final e cando imos ao Courel e Quiroga tamén. Temos músicos dos tres concellos. Intentamos facer de todo, sacar aos pequenos e que desfruten da experiencia e intentamos que tamén o faga o público, así que creo que a acollida é moi boa.

A nova Escola de Música de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel vai da man da Banda?

Os promotores desta nova Escola de Música dos tres concellos somos os representantes políticos destes concellos, polo que ao ser eu tenente de alcalde de Ribas de Sil e encargado da Banda Folk de Ribas de Sil, fun un promotores.

Eu impartía clases de música pero como afeccionado, eu ensináballes música porque a escola de musica que había en Ribas de Sil está un pouco apagada, como a de Quiroga, e as clases de música que se impartían en Folgoso tamén. Hai 15 anos había 25 alumnos por escola, pero foi diminuíndo o número ata chegar á situación actual.

Todo isto fixo que falaramos entre nós e que nos puxésemos de acordo para promover unha nova escola de musica, apoiándonos na Rockschool de Monforte, con profesionais, outra orientación, que aprendan moito mellor…

Que proxectos e actuacións de futuro teñen en mente?

O vindeiro día 29 imos actuar na Casa da Cultura de Monterroso porque o seu grupo Falcatrueiros veu actuar tamén no noso Concello e é unha forma de devolverlles o favor.

Por outra banda, o día 30 actuaremos nunha residencia de anciáns que se abriu en Ribas de Sil e imos facerlle aos nosos maiores un concertillo e imos ter unha convivencia con eles, xa que moitos usuarios coñecen aos rapaces e incluso son familiares.

Para o ano que vén, non sabemos aínda, porque estamos nun momento de readaptación, xa que marcharon pequenos, pero faremos moitas actuacións a través da iniciativa ‘Musiqueando’, da Deputación de Lugo. Están desexando que vaiamos nos concellos.

Quizais, a actuación máis importante é a que temos no XIII Simposio da asociación AEPECT, que terá lugar no Xeoparque e 250 participantes van estar en Ribas de Sil, en Quiroga e no Folgoso do Courel, con moita proxección para os pequenos. Nós actuaremos dentro das actividades culturais programadas, como os embaixadores.