Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAPantón

Descubrindo o patrimonio natural: a fervenza de Augacaída, en Pantón

Por 25 Decembro, 2023Decembro 27th, 2023Sin comentarios

Pantón esconde un dos saltos de auga máis impresionantes e máis altos de toda a comunidade e un castro con vistas ao Miño

Lucía Blanco

Xa o dicía o poeta Manuel María no seu Canto á Ribeira Sagrada de Pantón. “Cando a paisaxe enfebrecida chega á éxtase abranguendo a terra, a auga, a luz, o aire, o lume, o sol xenerador que arde dentro do humano corazón: nace o misterio inefable do sagrado”. En Pantón, concretamente na parroquia de Marce, atópase un dos paraxes naturais ás que as palabras pouca xustiza lle fan, a fervenza de Augacaida, un salto de auga de máis de 40 metros que forma o regato Aguianza antes de desembocar no Miño.

A Ribeira Sacra lucense ofrece unha das cascadas máis singulares de Galicia, que nada ten que envexar a outras amplamente recoñecidas como é a do Ézaro. O tramo final para poder contemplala foi acondicionado cunha balconada de madeira, escaleiras e unha pasarela para poder achegarse a este espectáculo que non deixa indiferente a ninguén. Desde este punto, pódese observar a impoñente fervenza, así como a piscina natural que se forma aos seus pés.

Unha boa forma de coñecer a zona é a través da Ruta de Augacaída-Castro de Marce, a través da que se poderá contemplar o salto de auga e chegar ao Castro de Marce, un miradoiro natural sobre o Miño. O camiño duns 4 quilómetros de longo, que está sinalizado con postes de madeira, comeza na estrada de Marce e Guítara. Tras pouco máis dun quilómetro e pasar unha antiga bodega, o visitante poderá escoller entre o sendeiro para chegar ao salto de auga —o máis complicado da ruta— ou continuar a súa viaxe ata Marce.

Asentamento castrexo

O camiño cara Augacaída, que esixe maior coidado nas épocas de choivas polos desniveis, é duns 1200 metros e conta con chanzos nalgúns tramos para facilitar o descenso pola pendente. As parcelas e socalcos, cultivados anteriormente e agora cubertos de carballos e outras especies autóctonas, acompañan ao camiñante durante a viaxe. Os últimos metros son os que presentan maior dificultade debido ao desnivel, que agora se salva cunhas pasarelas de madeira.

O acceso á fervenza coincide co sendeiro homologado PR-G 162 a Ruta da Ribeira Sacra do Miño, polo que debe prestarse atención aos sinais para evitar confusións, especialmente no retorno. O sendeiro ata o castro, que era un punto de vixilancia estratéxico dun antigo embarcadoiro, conta con pouco máis de medio quilómetro de lonxitude.

Estréitase nas proximidades da fortificación, da que se van atopado restos da construción castrexa ao longo do percorrido e dunha torre que pertenceu ao conde de Lemos e á torre do reloxo, unha edificación construída polos emigrantes da aldea no século pasado. Este recuncho ofrece unha perspectiva do Miño e dos meandros que nesa zona se forman.

Ademais do gran valor natural, as lendas tampouco pasan desapercibidas para esta zona, onde habitaban os xacios, unha especie de home peixe que vivían nas augas do Miño e que, tras conquistar aos humanos, eran rexeitados pola súa comunidade.

Unha das historias sobre o tráxico final dunha destas mulleres peixe está recollida nun mural do colexio de Pantón. Segundo a tradición popular, un home namourouse dunha xacia na ribeira do Castro de Marce, decidiu bautizala e casar con ela. Logo dunha gran discusión da parella, que tiña varios fillos, a muller quixo regresar ao seu fogar nas augas do río, pero os xacios non perdoaron que se bautizara. Cando o marido foi en busca dela, descubriu que acabaran coa vida da muller.