Skip to main content
Chantada

Os socialistas de Chantada instan ao Goberno local a que mellore o pavillón antes das actividades de Nadal

Por 20 Decembro, 2023Decembro 21st, 2023Sin comentarios

O PSdeG-PSOE de Chantada reclama ao Goberno local que se subsanen as deficiencias no pavillón polideportivo municipal, xa que explican que os usuarios e as persoas que acoden a presenciar os eventos que teñen lugar nel quéixanse das súas condicións.

“O caso máis recente e flagrante produciuse o sábado 16 de decembro no encontro de baloncesto da Liga EBA, entre o CB Chantada e o Estudiantes de Lugo”, concretan. Durante o partido, “malia estar a temperatura exterior inferior a cinco graos, a calefacción non funcionaba e varias das fiestras do pavillón están sen cristais dende hai meses, polo que a temperatura dentro das instalacións e a que había fóra non eran moi distintas”. critican.

Así, indican que “aínda que a calefacción funcionase, non tería servido de moito tendo en conta que faltan numerosos cristais, polo que se estaría facendo un uso pouco eficiente da enerxía nun momento no que ademais, entendemos que temos que facer un consumo responsable da mesma no contexto de cambio climático no que nos atopamos, e as institucións deberían ser as primeiras que predicaran co exemplo”, sosteñen.

Por outra banda, din que nestas datas de Nadal están programadas no pavillón actividades dirixidas á infancia, como campamentos para axudar á conciliación das familias que se celebrarán en decembro e en xaneiro. “Tendo en conta as temperaturas destes meses e o estado das instalacións, convértense nunha situación preocupante”, denuncian.

Por todo isto, instan ao Concello a que acometa de xeito urxente as reformas e reposicións que precisa o pavillón “para evitar situacións como as vividas a pasada fin de semana e para que se poidan desenvolver axeitadamente as actividades previstas nas instalacións”.