Skip to main content
Monforte

A programación de Nadal de Monforte inclúe actividades, música, teatro e ilusión

Por 6 Decembro, 2023Decembro 7th, 2023Sin comentarios

A tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer a programación do Concello de Monforte para este Nadal 2023-2024, que incluirá diferentes actividades para todos os públicos.

A actividade de Nadal iniciarase coa convocatoria do Concurso de Beléns para centros de ensino da cidade, e os máis pequenos da casa poderán volver a participar un ano máis no xa tradicional certame de poesía infantil Nadal 2023 da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro.

Tamén se celebrará a 23ª Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino, que terá lugar o 20 de decembro ás 18.00 horas da tarde no Edificio Multiusos.

Pola súa parte, a Asociación Albores será a encargada da decoración navideña do vestíbulo da Casa do Concello, mentres que J. Antonio Dávila levará a cabo a montaxe dun Belén galego, que estará exposto dende o 14 decembro de 2023 ao 10 de xaneiro de 2024 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Máis actividades

Durante as fins de semana do 22 e 23, e do 29 e 30 de decembro, o protagonista na Praza de Abastos será o Mercado de Nadal. Nel, ademais do mercado tamén haberá diversas actividades culturais e musicais de entretemento co obxectivo de presentar unha completa oferta cultural, musical e gastronómica nun ambiente navideño.

Ademais, o Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados da Praza de Abastos durante a mañá do sábado 24 de decembro e haberá espectáculos e representacións teatrais para toda a familia.

Concretamente, representarase  ‘A cegueira de Cupido. Porque o amor nunca é o que parece’ do grupo de teatro Viraventos o 16 de decembro ás 20.00 horas, ‘Elfos en prácticas’ de Trémola Teatro, terá lugar o 26 de decembro ás 18.00 horas; estas dúas na Casa da Cultura; e o 28 de decembro ás 20.00 horas terá lugar ‘Cinco minutos sen respirar’ de Ítaca Teatro, no Edificio Multiusos.

Ademais, o humorista e contador de historias, Xan Veiga, ofrecerá o seu espectáculo “Sonchistorias” a partir das 8 e cuarto da tarde do xoves 4 de xaneiro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Moita música

Por outra banda, tamén haberá concertos na rúa do Cardeal para animar á hostelería e a actividade no centro da cidade. Para elo, programan 2 actuacións destacadas a cargo de grupos monfortinos: Doc Magoo’s, o 23 de decembro ás 20.00 horas, e Malenne, o 30 de decembro ás 20.00 horas.

Tamén se celebrará o tradicional Festival Nadal 2023, que correrá ca cargo do Conservatorio Municipal e celebrarase o 21 decembro ás 20.00 horas no Edificio Multiusos.

Pola súa parte, o Concerto de Corais Nadal 2023 será o 22 decembro ás 20.00 horas da tarde na Igrexa Nosa Señora da Antiga coa actuación da Coral Polifónica de Sarria, o Coro de adultos do Conservatorio de Viveiro e a Coral Polifónica Concello de Monforte.

Xa o 3 de xaneiro terá lugar o Concerto de Ano Novo, correrá a cargo da Orquestra Clásica de Vigo organizado pola Sociedad Filarmónica de Monforte, ás 20.00 horas no Edificio Multiusos.

Cabalgata de Reis

Un dos días máis agardados será o venres 5 de xaneiro, no que os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17.30 horas. O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18.30 horas dende a Praza da Estación ata chegar ó Concello, á praza Campo de San Antonio.

Un pouco máis tarde, ás 19.30 horas, as Súas Maxestades lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial e recibirán ós nenos e nenas en recepción oficial.

O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “un ano máis, dende o equipo de Goberno, ideamos un completo e variado programa de actividades de Nadal, co obxectivo de que os monfortinos e monfortinas, e tamén as persoas que nos visitan estas datas, vivan con alegría e ilusión estas festas, e tamén para contribuír a dinamizar os nosos sectores produtivos, especialmente a hostalería, o comercio e o turismo”.