Skip to main content
Monforte

A concentración convocada pola Pladesapu encheu a praza de España de Monforte

Por 22 Decembro, 2023Sin comentarios

A Plataforma en Defensa da Sanidade en Monforte encheu a praza de España de Monforte de persoas que reclamaron unha Atención Primaria “digna e real” na zona sur de Lugo, un acto no que participou tamén o equipo de Goberno.

A Pladesapu convocou esta concentración para reivindicar melloras na Atención Primaria, reivindicando como lema que ‘sen persoal nos Centros de Saúde, todo o Sistema falla’. As representantes da plataforma leron un manifesto de denuncia da situación sanitaria na comarca de Lemos, e de defensa da sanidade pública.

Nesta manifesto lembraron que “hai dez meses que foi a última e grande manifestación que convocou a Plataforma en Defensa da Sanidae Pública desta zona sur de Lugo, e volvemos a esta praza esixindo exactamente o mesmo. En febreiro deste ano viñemos pedir clemencia por unha sanidade que as Xerencias e a Política Sanitaria están deixando morrer, e hoxe, case un ano máis tarde, a situación, lonxe de mellorar, é máis agónica, se iso era posible”.

Denuncias da Pladesapu

Por un lado, explican que os recursos dos que dispón o Hospital Comarcal son cada vez máis escasos, xa que dende febreiro “perdemos a maiores unha psiquiatra e unha endoscopista, que aínda a día de hoxe seguen sen sustitución. Todos os médicos que se nos prometeu que se incorporarían, brillan pola súa ausencia; as listas de espera son longas e custan vidas, pero as Xerencias seguen sen ver máis alá dos números que a eles lles conveñen”, denuncian. Ademais, sosteñen que cada sábado acuden varios rehabilitadores a pasar consulta, “é decir, cada vez que unha persoa vai a consulta a verá un médico diferente”.

Con respecto ás estruturas, critican que “esas grandes obras das que tanto se enorgullece a nosa Xerencia, parece que tampouco están a dar o mellor resultado. Tralas fortes chuvias, rara é a vez que nalgún servizo do hospital non se acabe achicando auga a baldes”.

“Necesitamos que a Sanidade Pública sexa unha opción válida”

Así, remataron dicindo que por iso saíron á rúa, “porque necesitamos que nos escoiten nos seus despachos, necesitamos que saiban que a Sanidade Pública segue a ser a única opción válida, que xa non nos enganan con falsas promesas electorais, e que se non nos fan caso seguiremos a saír a rúa e chegaremos onde sexa necesario, porque non hai outra opción, a Sanidade Pública é un dereito que os nosos devanceiros loitaron por conseguir, e nós non imos dar nin un paso atrás”.

Desta maneira, concluíron esixindo unha Atención Sanitaria Integral de calidade, “con todos os Servicios necesarios que non só se reflicta no papel. Queremos unha atención sanitaria real, adecuada e personalizada, á que todas as persoas poidan acceder sen dificultades. Non somos unha zona con moito rural, e non queremos que o rural quede esquecido… queremos un rural con todos os servicios e os principais están sendo os primeiros en caer como son os sanitarios, a educación ou os servizos sociais, tan importantes para a Saúde e a Integridade das persoas. Queremos vivir dignamente, porque é un dereito fundamental e constitucional”.