Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte pide que a renovación da rede de abastecemento e saneamento sexa máis rápida

Por 28 Decembro, 2023Sin comentarios

O PP de Monforte reclama a Tomé maior ritmo na renovación da rede de abastecemento e saneamento e menos “felicitacións por comezar a facer o seu traballo”, segundo sostivo Katy Varela, quen esixe a Tomé que pense no mellor para os monfortinos.

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, recorda que xa no mandato pasado presentaron dúas iniciativas para que o Concello de Monforte asinase coa Consellería de Infraestruturas un convenio de colaboración para aproveitar as axudas destinadas a estes traballos, “pero o alcalde nada fixo”.

Así, critica que o alcalde “diga que precisa 10 millóns de euros para solucionar este problema, pero non quixo solicitar fondos que si aproveitaron outros concellos co único obxectivo de dicir que a Xunta de Galicia non colabora con Monforte, cando el é o único responsable de vetar os intentos da administración autonómica de achegar fondos ao municipio”, lamentou.

A realidade, sostén “é que os concellos teñen a obriga de dar un correcto servizo de abastecemento e saneamento, polo que se está a renovar a rede está a cumprir coa súa obriga, pero a realidade é que o fai de xeito insuficiente, pois tivo opcións de facer moito máis e non quixo”.

Máis asuntos

Ademais, pídelle que deixe a un lado “a súa inquina contra a Xunta de Galicia” e acepte a colaboración do Goberno galego para diferentes fins, como ampliar as prazas da gardaría municipal ou avanzar no remate do Porto Seco.

O Porto Seco está paralizado polo Goberno central, xa que para rematar os accesos precísase a colaboración desta administración, “pero Tomé non lle interesa a colaboración entre ambas administracións e que ningún investimento do Goberno galego chegue a Monforte”.

Outro exemplo é a gardaría municipal “na que non se amplían as prazas por non solicitar as axudas que pon a Xunta a disposición dos concellos para este cometido, ou o centro de atención temperá, que tampouco se piden as axudas”, concluíu.