Skip to main content
Monforte

Máis de 2.700 euros repartiranse por asociacións de Monforte grazas ao mercado solidario do Colectivo Vermut

Por 28 Decembro, 2023Decembro 29th, 2023Sin comentarios

O Colectivo Vermut recadou máis de 2.700 euros para asociacións nun mercado solidario de Nadal que tivo lugar o sábado no Club Fluvial de Monforte e ao que acudiron arredor de 900 persoas.

Exactamente, foron 737 entradas vendidas, sen contar aos menores de 16 anos que entraban gratis. Dos máis pequenos, máis de 50 asistiron á visita de Papá Noel pola mañá e 35 ao contacontos de pola tarde.

Así, a organización móstrase moi satisfeita co resultado desta primeira edición, tanto polo número de asistentes como polos cartos recadados, que ascenden a 2.700 euros a repartir entre as asociacións beneficiarias.

Destino do diñeiro recadado

O bingo solidario, que se prolongou durante dúas horas co aforo do bar completo, recadou 1.033 euros que van directos á asociación española Harit Gambia, concretamente ao seu proxecto New Life Family House, un centro de acollida e escolarización para máis de 30 menores sen recursos familiares en Lamin, Gambia.

Pola súa parte, da venda de entradas, as cotas dos postos e a comida e bebida, e xa descontados os gastos, recadáronse 1.750 euros, que se repartirán entre as asociacións monfortinas beneficiarias Afamon, Auxilia, Cáritas, Cruz Roja e Ruliños.

No momento de pagar as entradas e as cotas dos postos, os visitantes e expositores podían elixir a que asociación destinaban a súa doazón, elixindo unha das cinco ou a opción de “a repartir entre todas”. Feito o reconto sacouse a porcentaxe de todos os cartos recadados que irá destinada a cada asociación, polo que 314 euros irán para Afamon, 236 euros para Auxilia, 219 euros para Cáritas, 374 euros, para Cruz Vermella e 607 euros para Ruliños.

Dende o colectivo din que a colaboración de moitas empresas e profesionais da comarca e do Club Fluvial de Monforte, a axuda de 20 persoas voluntarias, a participación de máis de 30 expositores e a solidaridade dos asistentes, “fixeron posible esta primeira edición do Mercad0 Solidario de Nadal de Colectivo Vermut”.