Skip to main content
Taboada

A Deputación de Lugo apoia o mercado Petiscos de Nadal, que chega a Taboada o sábado 23

Por 17 Decembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios

A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do mercado Petiscos de Nadal, que se celebrará o sábado 23 de decembro en Taboada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada organiza por segundo ano consecutivo a feira, que contará con 17 postos de alimentación e artesanía, na súa maioría, de producións agroalimentarias e obradoiros da Ribeira Sacara, que se instalarán na Praza de Riazón de 11.00 a 19.00 horas.

Iria Castro valorou “a iniciativa do tecido empresarial de Taboada que puxo en marcha e mantén este mercado, ofrecendo a artesáns e produtores agroalimentarios da comarca un espazo para vender e promocionar os seus produtos e fomentando o consumo de produtos de proximidade”.

Obradoiro e música

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no amplo abano de actividades lúdicas e culturais que se organizan para dinamizar o mercado ao longo da xornada, como un obradoiro de instrumentos musicais para nenas e nenos a cargo de Xaneco Tubío e a actuación de Catuxa Salom.

O programa comeza ás 11.30 coa apertura do Mercado e actuación para público infantil e familiar con Paco Nogueiras. De 11.30 a 20.00 horas os asistentes poderán gozar da zona gastronómica con varios postos de comida elaborada.

A partir das 13.00 chegará a Apalpadora e ás 14.00 horas dará comezo o sorteo dunha cesta de Nadal con produtos da Ribeira Sacra. De 15.00 horas a 19.00 horas terá lugar un obradoiro de instrumentos musicais con Xaneco Tubío e ao rematar levarase a cabo o peche do mercado e actuación de Catuxa Salom