Skip to main content
Cultura SARRIAXATriacastela

Álex, responsable do Ceip de Triacastela: “Acollemos a calquera persoa con interese pola lectura”

Por 3 Decembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Alejandro González, responsable do Ceip Eduardo Cela Vila de Triacastela e promotor do Club de Lectura do Oribio.

Como xorde o Club de Lectura do Oribio?

O Club de Lectura do Oribio nace coa necesidade de impulsar a biblioteca do centro. O obxectivo é que todo triacastelán vexa este club como un espazo cultural de goce e aprendizaxe, convivindo nel diferentes idades.

A idea xurdiu ao remate do curso pasado e perfilouse durante o mes de setembro.

Con que motivación ou con que finalidade?

A gran meta é gozar da lectura dende diferentes perspectivas, creando actividades diversas onde maiores e pequenos compartan experiencias.

Cantas persoas participan?

Case todo o alumnado do centro queda no Club. Falamos de nenos e nenas dende 3 a 11 anos. Ademais, eu, que son o responsable de centro, sempre quedo e en ocasións tamén algúns dos mestres do cole. Na primeira edición participaron catro persoas adultas: tres familiares e Mirella López, a autora de Breicar (o libro que estamos a ler).

Pretendemos acoller a moitas máis persoas de mediana ou avanzada idade (avós e avoas, usuarios/as das Casas do Maior…). En xeral, é unha actividade aberta a calquera persoa relacionada con Triacastela.

Que actividades van desenvolver durante este ano?

A medida que descubrimos o libro de Breicar, realizaremos lecturas abertas, lecturas comentadas, actividades artísticas, murais sobre o lido, saídas a algúns dos escenarios que aparecen no libro, etc.

Tamén acolleremos a calquera persoa con interese pola lectura e escritura que desexe visitarnos e proporemos actividades en base ao vivido.

Como axudan estas actividades na vida escolar do centro?

Está moi relacionado co día a día do centro. Este ano traballamos un proxecto de educación patrimonial chamado “O teu pasado, o meu presente”. Nel, descubrimos e estudamos a historia de Triacastela dende diferentes manifestacións patrimoniais: histórica e cultural, lingüística, arquitectónica e natural.

A biblioteca Rosalía de Castro é, por así dicilo, o centro cultural de operacións do proxecto que ten como produto final a creación dun museo.

Ademais, tamén facemos todos os venres o servizo de préstamo e traballamos dende as áreas lingüísticas un libro por trimestre, realizando durante a lectura un mural entre toda a clase.

Todo isto fai que os nenos e nenas adquiran especial gusto pola lectura e vexan o feito de acudir á biblioteca como un momento de goce.

Por que son importantes este tipo de actividades en Triacastela?

A forza dunha escola rural ten que estenderse ao contexto social que lle dá vida. Se creamos unha escola aberta e dinámica lograremos, ademais de educar e formar aos nenos e nenas do mañá, amosarlles que a terra onde viven está repleta de oportunidades.

Que ten de interesante, en xeral, Triacastela?

Pois enlazando co final de resposta da pregunta anterior, Triacastela pódese definir como oportunidade en xeral.

Eu son un apaixonado do sendeirismo, polo que o Monte Oribio para min é sagrado; pero tamén ten a Cova Eirós, a Castiñeira de Ramil de oitocentos anos, a Nogueira do Camiño Vello tamén centenaria, o Camiño de Santiago, feiras os 28 de cada mes, numerosos establecementos de hostalería, parroquias con moita vida habitadas por xente nova e maior, tres Casas do Maior, dúas Casas Niño, un Concello que impulsa constantemente actividades e oportunidades para a súa xente e, dende logo, unha escola que promete traballar para facer ver ás persoas que aquí nacen, medran e fortalécense as ilusións dos nenos e nenas.