Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

José Luis García, promotor do grupo Os Petapouco: “Nas actuacións en directo apréndese máis e é máis divertido”

Por 10 Decembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con José Luis García, profesor de percusión na Escola Municipal de Música de Sarria e promotor do grupo de música Os Petapouco.

Este ano, José Luís García comeza o seu 11º curso como profesor de percusión na Escola Municipal de Música de Sarria, xa que rematou os seus estudos no Conservatorio no 2012 e, un ano despois, comezou a traballar xa na Escola sarriá.

Así, dá clases de percusión a persoas de todas as idades, desde nenos e nenas de 5 anos ata adultos de arredor dos 60, tanto individuais como colectivas.

Debido ao seu amor pola música e a súa iniciativa profesional e musical decidiu promover a creación dun grupo de persoas interesadas en, ademais de aprender a tocar un instrumento, formar parte dunha pequena banda na que poder coñecer todos os instrumentos que forman parte da familia da percusión e actuar fronte a público, que é “a mellor forma de mellorar”, sostén o músico.

Como xorde a idea de promover este grupo?

Damos clases individuais de 40 minutos por alumno e sempre queda unha parte da percusión que non se explora que é tocar en conxunto. Isto é necesario e forma parte da formación do alumnado e é unha forma de enriquecer e coñecer a variedade total dos instrumentos.

Por iso, decidín promover este grupo de nenos e nenas interesados en practicar tamén esta parte da vida musical.

Por quen está formada?

Os Petapouco son un grupo de persoas que xa levan un tempo comigo en clases de percusión e xa teñen certa idade e ensaiamos ás 20.00 horas os mércores, falei a principio de curso cos pais e os pequenos e hai algúns que entraron e outros que non.

Os Petapouco está formado por Xabi Cabada, Dani Pan, Mario Cantalapiedra, Antón Quintana, Breogán Rodríguez e este ano uniuse unha rapaciña máis, Mencía Pombo; todos eles entre os 10 e os 16 anos.

Esta é a segunda remesa dos Petapouco e queremos conseguir que se una máis xente da escola, aínda que estamos abertos a que participen persoas de fóra da Escola pero que tiveran algún tipo de ligazón con ela.

Que instrumentos tocan?

Nos Petapouco tocamos de todo. Voulles repartindo os papeis segundo vexa, é dicir, todos tocan de todo pero vou repartindo os tempos ás persoas segundo vexa a dificultade ou as necesidades que teñan para que traballen máis un instrumentos que outro.

Está claro que a cada un dáselle mellor un que outro, pero ao final quero que todos saiban todas a batería, o xilófono, a bimba… Aínda que un instrumento non se lle dea ben a todos, quero que todos traballen con ese instrumento por igual.

Que proxectos futuros teñen?

Aínda estamos arrancando e fixemos en xuño o primeiro concerto, que foi todo un éxito e nos gustou moito, polo que temos a idea de seguir nesa liña. Por agora, queremos facer concertos na Escola Municipal de Música de Sarria e, cara ao final do curso, saír á rúa de novo e facer un concerto diante dos veciños de Sarria.

Canto máis poidan tocar os alumnos, mellor. Está ben ensinar e ensaiar, pero na actuación en directo apréndese máis e é máis divertido.

Están abertos a colaborar con outras entidades de Sarria que promoven a música?

Non estamos pechados a colaborar con outras entidades, como Rúa da Música, por exemplo, pero queremos darlle visibilidade á Escola e ao traballo que se fai nela. Queremos darlle un nome á escola, representar a actividade que se fai nela, que é moi importante.

E, por outra banda, tamén queremos dar a coñecer a familia da percusión que moitas veces é descoñecida. Todo o mundo coñece a batería, pero nós presentamos os instrumentos de láminas, que son o xilófono, a lira, a marimba e o vibráfono. Así, presentamos o que o posible alumnado podería facer na escola, presentándoa así a futuros alumnos que quixeran cursar percusión na escola.

Ademais, queremos fomentar que o alumnado da Escola que queira, poida acceder ao grao profesional de música que se estuda en Lugo ou Monforte, polo que o grupo Os Petapouco posibilita que o alumno vaia preparado para afrontar eses instrumentos, tocando en grupo, como se fose unha banda, que é algo imprescindible.

Que tipo de repertorio?

Como estamos centrados en futuros estudos, intento tocar todas as ramas da percusión, entón interpretamos obras máis clásicas, utilizando instrumentos que se colocan ao final da Banda Música, como poden ser a caixa, os pratos…

Tamén interpretamos percusión corporal para que lles sirva como actividade para mellorar a psicomotricidade, e así tamén descobren que a percusión non é só tocar un instrumento, senón que se pode facer percusión con outras cousas. Así, interpretamos a obra ‘La cocina’ con utensilios da casa, unha experiencia que lles encantou, xa que se divirten.

E tamén facemos teatro a través de popurrí de cancións e obras, como a obra de Michael Jackson que imos montar este ano, a da Familia Adams tamén… e máis cousas que serán sorpresa.