Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

Marisol Arias, presidenta da Banda de Música de Paradela: “Hai unha tradición moi forte de música en Paradela e espero que os nenos continúen o legado”

Por 6 Decembro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Jessica Fernández Cerdeira.

Falamos con Marisol Arias López, presidenta da Banda de Música de Paradela desde hai 14 anos, e con Martín Vázquez, director da Banda.

Como xorde a Banda de Música de Paradela que cumpre 150 anos?

Sei que empezaron no pobo de Barrido porque antes lle chamaban a Banda de Barrido. Formouse alí hai 150 anos e foron actuando durante todos estes anos por diferentes parroquias polas festas e actos que se organizaban. Xa meu pai acórdase de cando tocaban.

Logo, coa emigración a Suíza, foise perdendo un pouco. Os músicos que quedaron pasaron a formar parte de diferentes orquestras, pero non desapareceu de todo, xa que sempre que os chamaban, volvían á banda. Sempre a mantiveron a pesar do tempo e das dificultades.

Porén, cando volveu a impulsarse a banda de forma máis forte foi no ano 1985, cando Cándido López volveu de Suíza e formou o que hoxe coñecemos como a Banda de Música de Paradela. É dicir, cambioulle o nome de Banda de Barrido a Banda de Música de Paradela. Así, foi buscando nenos e nenas arredor da comarca de Sarria para ir formando a banda, que empezou con 35 persoas máis os 9 maiores.

Pedro Rodríguez foi o director da banda na época de Cándido, e Jesus López, o subdirector. Pedro estivo con nós o 91 e despois apareceu Lino de la Torre, o noso director ata que morreu. Aí, colleu a dirección Martín López e eu son presidenta desde hai 14 anos, mais levo desde os 7 participando da Banda.

Hoxe en día somos 21-24 persoas, dependendo das datas e da festa, pero está claro que hai unha tradición musical moi forte, a pesar de que baixou a poboación e que cando a xente medra e forma a súa familia vai abandonando.

Nós, aparte, temos una escola de música en Paradela onde dan clase o luns e os mércores. Alí, hai clases de instrumental; de trombón, trompeta, clarinete… pero tamén coro infantil. Este ano, ademais, incorporamos dúas persoas que tocan a gaita  porque na raíz da escola había gaiteiros, polo que para nós é importante que volvan.

Por que segue en pé 150 anos despois?

Nunha agrupación sempre hai alguén que ten tirar polas cousas, e aquí sempre houbo alguén que tiraba. Cándido vivía para a música, por exemplo, aínda que marchara a Suíza aínda aí fixo algo no Centro Galego sobre a música de Paradela, e cando volveu, quería volver traer aos que emigraron.

Tamén veu Lino, que tamén era un apaixonado da música e cando celebrou a súa última Santa Cecilia, pediunos que, por favor, non deixaramos morrer o que el conseguira. Por iso, collémolo a peito e dixemos que había que tirar para adiante.

Hai unha tradición moi forte en Paradela e espero que os nenos sigan coa música. Agora mesmo temos 17 alumnos e eu teño esperanza de que sigan.

Como é o traballo como director dunha Banda coma esta?

Eu preparo o repertorio, busco partituras, fago arranxos, tomo decisións musicais, como se falta algún musico, pois cubrir esa praza, organizo os ensaios e despois determino como sona. A posta en escena consensúase coa directiva, concíbese como un todo e hai que pensar en que vas facer e con que intervencións.

É moi motivador no sentido de que desempeño un cargo que ten 150 de historia e non deixas de aprender. Eu son músico, entón aprendo moito como director e é moi gratificante, pero tamén cansa, xa que implica unha responsabilidade e hai que dedicarlle tempo na casa, preparalo todo ben… hai unha parte que non se ve por parte do director de preparación.

Pero síntome plenamente recompensado polo traballo feito, porque se recoñece o traballo, a xente desfruta cando das un concerto e os músicos tamén que axudan moito, e sae todo adiante grazas ao seu apoio, xa que sempre dispostos a solucionar calquera problema.

Os nenos que se meten na banda tamén son unha satisfacción, xa que vas axudando a que se formen. É unha parte marabillosa, velos que van medrando e van tocando mellor. Somos como unha familia, aínda que a banda hai máis de 15 anos tivo unha etapa de tocar moito en festas, con máis de 50 actuacións ao ano, e agora non temos tantas actuacións; temos moitísima confianza.

Como foi a celebración dos 150 anos?

Foi moi emotivo e o final de meses de traballo da banda, de todos, e incluso da xente que escribiu sobre nós e a nosa historia. É unha labor que queda para a historia.

Durante o acto cedéronnos unha batuta histórica, que está na colección de instrumentos musicais do CENTRAD da Deputación de Lugo, que pertencía a un director do ano 1920 e tiven o privilexio de dirixir unha canción con esa batuta.

Ademais, rendemos homenaxe a tres músicos que refundaron a banda nos anos 80 e ao condutor de autobús que sempre nos leva aos actos. Tamén lle quixemos honrar porque sempre está con nós.

Teñen algún tipo de axuda ou colaboración?

Si, o Concello de Paradela axúdanos en todo o que propoñemos, sempre nos axudou e se non fora por eles sería moi difícil subsistir, xa que as administracións cada vez o poñen máis difícil.

Eu cando era cativa podiamos facer mil cousas, constituíamos unha asociación de maneira sinxela, agora todo é burocracia e así acabamos por non formalas ou por non pedir as axudas que nos ofrecen porque esixen tanto que non chegamos a iso.

Por iso, pérdese a cultura dos pobos, que somos xente que intenta facer cousas para manter vivo un pobo no que cada hai menos poboación e hai que fomentar a cultura. Así, mantémonos vivos grazas ao Concello de Paradela. Tamén é porque a Banda de Música é un referente para o Concello, polo que é algo bo para ambas partes.