Skip to main content
Paradela

O polígono industrial de Paradela contará cun aparcadoiro grazas á acción da Deputación de Lugo

Por 23 Decembro, 2023Decembro 24th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación das obras para a construción dun aparcadoiro no polígono industrial de Paradela, que xestiona a propia Deputación de Lugo, por un importe de algo máis de 130.000 euros.

A empresa adxudicataria é Oligalia Contratas, que construirá un estacionamento co que a institución provincial “dotará de máis servizos ás empresas e será un valor engadido para atraer novos proxectos empresariais á zona”, subliñou a deputada Pilar García Porto.

Así, estará situado na entrada do parque empresarial, xusto ao carón da estrada provincial LU-P- 4201, á altura do quilómetro 1,2 e terá unha superficie de 1.720 metros cadrados, e contará con 42 prazas, dúas delas adaptadas.

Os traballos consistirán na demolición do muro de mampostería existente e tamén do firme da estrada provincial no lugar no que se vaia facer o estacionamento. Así mesmo, será necesario retirar terra e facer desmonte, ademais de escavar pozos para a rede de pluviais. Contémplase tamén colocar tubaxe para canalizar a auga e sumidoiros. Logo, farase o correspondente afirmado, pavimentación e sinalización, tanto horizontal coma vertical.

O prazo de execución destas obras é de 2 meses, unha vez iniciadas.