Skip to main content
Axenda CaducadaSarria

Sarria acolle diferentes iniciativas durante os meses de decembro e xaneiro co motivo do Nadal

Por 6 Decembro, 2023Decembro 7th, 2023Sin comentarios

O Concello de Sarria vén de presentar o seu programa para as festas de Nadal deste mes de decembro e de principios de xaneiro.

Así, co acendido das luces e co comezo do XVI Concurso de Tapas Tapicheo 2023 de Sarria, a vila sarriá dá paso a unha época festiva na que haberá actividades para todos os públicos.

Os actos comezan o día 10, domingo, coa celebración do 30 aniversario do Camiño de Santiago Francés como Patrimonio Mundial da man do historiador Arlindo, mentres que o día 16 haberá un obradoiro de teatro na Casa da Cultura e presentarase a webserie ‘Ronsel de futuro’. O día 17 tamén terá lugar un obradoiro de panxoliñas.

A semana seguinte, e o 18 actuará o alumnado da Escola de Música na Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, o 19 farano no CAPD e o 20 terá lugar o Concerto de Nadal do mesmo alumnado na Casa da Cultura.

Máis actividades

Xa o día 21 abrirase o Mercado de Nadal da man da Coral Polifónica na praza da Vila e o día 22 terá lugar un obradoiro de chocolate e a presentación do libro ‘Matías López: de Sarria a El Escorial’.

Mentres, o día 23 terá lugar o desfile de Papá Noel organizado polo Club Clásicos de Sarria e o Concello, en colaboración dos clubes e escolas deportivas do municipio.

Con respecto a actividades especiais para os máis pequenos, o día 24 terá lugar a Moto Noel con Sarria Bikers polas rúas do Concello e o 26 haberá cine infatil coa proxección do filme ‘Canta 2’, mentres que o 27 volverá Roberto Lolo coa súa maxia para encher a Casa da Cultura de Maxia. Por outra banda, o día 28 terá lugar un contacontos musical, pintacaras e presentación do conto infantil ‘O misterio do Tulipán’, da man de Yolanda Álvarez.

Para rematar o mes de decembro, o día 29 terá lugar a representación teatral ‘Unha obra por resolver’ na Casa da Cultura e o día 30 celebrarase a entrega do premio Fiz Vergara Vilariño e terá lugar o Concerto de Nadal da Banda de Música de Sarria, a Coral Polifónica do Concello e a Coral Sarricanta.

Iniciativas en xaneiro

Pola súa parte, as actividades en xaneiro comezarán o día 2 co cine infantil ‘Clifford, el gran perro rojo’ e o día 3 terá lugar un obradoiro de creación plástica infantil con Mina Vrillet e outros dous iguais pero pola tarde, un para persoas maiores na residencia e outro na Casa da Cultura para adultos. Ademais, haberá tamén un espectáculo infantil esa mesma tarde na Casa da Cultura.

Xa o día 4 terá lugar o espectáculo ‘Bebés. Unha maña especial con Dori’ e un contacontos infantil ‘Un conto de Nadal’, ambas na Casa da Cultura. O día 5 terá lugar a visita dos Reis Magos á vila e o día 6 haberá un pasarrúas a cargo da Banda de Música da Comarca de Sarria. Por último, o día 7 rematarán as actividades programadas co cine familia ‘La invención de Hugo’.